Olalla Rodil: “Un goberno do BNG na Xunta poñerá en marcha o Porto Seco de Monforte”

Rodil: «o 18 de febreiro, o voto ao BNG servirá para poñer fin a 14 anos de abandono por parte do Partido Popular á provincia de Lugo e a unhas infraestruturas que potenciarán o desenvolvemento económico do sur de Lugo»

A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Galego por Lugo, Olalla Rodil, visitou o Porto Seco de Monforte, «unha infraestrutura na que a Xunta ten que investir tamén para conseguir desenvolver o potencial industrial da provincia de Lugo e de Galiza».  A candidata do BNG afirmou que «desde o BNG temos un plan claro para o sector do transporte e a loxística, un sector que nos últimos anos gañou moita importancia  e que ten que desenvolverse atendendo a criterios de racionalidade, sustentabilidade e eficacia».
O BNG desenvolverá un Plan Nacional de Transporte e Loxística desde o Goberno da Xunta que complete as infraestruturas pendentes, entre as que se atopa o Porto Seco de Monforte, ademais de rematar as súas conexións viarias e ferroviarias. «O 28 de febreiro fanse 10 anos desde a inauguración desta plataforma loxística, o balance 10 anos despois é claro, 0 empresas asentadas e 0 atención por parte da Xunta de Galiza, tratando de convertelo nun parque empresarial, algo para o que non foi deseñado», afirmou Olalla Rodil, que engadiu «traballaremos desde a Xunta para convertelo no enlace entre o transporte de mercadorías por estrada e ferrocarril que debe se».

Entre as propostas do BNG figura tamén o fomento do transporte ferroviario de mercadorías e a integración plena de Galiza no Corredor Atlántico, elaborando de xeito inmediato un Plan Director do Corredor e o Plan de Investimentos correspondente. Traballarase na conexión por tren dos portos, plataformas loxísticas e grandes parques empresariais galegos.

«Este 18 de febreiro, o BNG é a mellor alternativa para pasar páxina tras os 14 anos de recortes e abandono por parte do Partido Popular», afirmou Olalla Rodil. A candidata do BNG por Lugo destacou que o BNG parte «co mellor equipo e con Ana Pontón, a mellor presidenta que pode ter a Xunta de Galiza», e engadiu «o domingo 18, as galegas e galegos escolleremos entre seguir no pasado co Partido Popular ou avanzar cara un BNG que faga de Galiza un lugar mellor, convertendo a Ana Pontón na primeira presidenta da Xunta de Galiza».

Comparte éste artículo
No hay comentarios