Candia presenta un boletín para clarificar as “medias verdades” do PSOE e do BNG con proxectos bloqueados pola súa falta de xestión

por Redacción Lugo

Na presentación da publicación do nº3 do boletín do Grupo Popular a voceira popular destaca a actitude colaboradora da Xunta fronte a un Concello de Lugo que paraliza proxectos advertindo que “Lugo xógase moito o vindeiro día 18 de febreiro”

No boletín analizanse as herdanzas que deixou o goberno de Lugo cun apartado específico para este proxecto de unir as dúas rotondas en Serra de Meira. Os populares explican que «en 2020 se anunciou un acordo a dúas bandas entre Concello e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que está sen materializar por falta de acordo».

A voceira popular matizou que outra proba desta parálise no Plan Paradai é que o propio Boletín Oficial do Estado publicou o 11 de xaneiro a addenda deste convenio que certifica que en 2023 se investiron cero euros para este proxecto e que foi un ano perdido.

«Unha tribuna da voceira do Grupo Municipal analizando o abandono de Lara Méndez abre o número 3 do boletín do Grupo Municipal do PP, no que Elena Candia explica que a constante confrontación dos socialistas coa Xunta de Galicia prexudicou a Lugo, xa que esta actitude levounos a perder investimentos doutras administracións e a ter proxectos que hoxe podían estar xa feitos, pero que na realidade seguen paralizados.

Precisamente neste número do boletín popular ponse o foco nas reivindicacións feitas á Xunta de Galicia e que frutificaron con éxito, conseguindo que “Lugo sexa sede dunha competición mundial; o impulso do CIS da Residencia; a implicación no desbloqueo do PXOM, as alternativas para impulsar a construcción da nova comisaría, a creación do primeiro centro de saúde para persoas con trastorno de autismo e, no eido da mobilidade, o aparcamento de 150 prazas na avenida de Breogán.

Os populares tamén analizan neste boletín o legado de Lara Méndez, facendo balance “da herdanza de quen chegou á alcaldía sen querer esa responsabilidade e que en canto puido fuxiu e renunciou a ela”, ao tempo que lle piden a Alvarellos, que colleu o bastón do mando do Concello tras catro renuncias e unha dimisión, un cambio de actitude para que Lugo non perda máis oportunidades.

O contido da publicación incorpora diferentes artículos nos que se explican as propostas do Grupo Municipal para mellorar os orzamentos: “o PSOE e o PP deseñáronos para consolidar o seu pacto de goberno sen pensar nas necesidades da veciñanza” e tamén fai un repaso en imaxes no apartado de “Estivemos contigo” da actividade dos populares das últimas semanas.

A contraportada resume en 15 PUNTOS os compromisos dos que Lugo se beneficiará cando Rueda alcance a maioría absoluta, entre os que destaca a “creación dun centro para persoas con enfermidade de Alzhéimer no antiguo hospital de Calde”, entre outras.

En definitiva, a voceira do Grupo Municipal do Partido Popular advertiu á sociedade luguesa «do moito que, como Concello, nos xogamos este 18 de febreiro, como avalan as páxinas deste documento». Nese senso, sinalou que «para Lugo sería unha moi mala nova que se contaxiase a un goberno autonómico o modelo de parálise, confrontación e bloqueo municipal PSOE-BNG».

Este número 3 do boletín dixital é unha ferramenta de comunicación pensada para reforzar a conexión coa veciñanza e para dar a coñecer a acción do Grupo popular a través de canles dixitais e tamén en repartos de ti a ti, e en encontros veciñais que están programados en diferentes barrios.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario