Os resultados dunha investigación na que participou a UDC confirman o lento avance da igualdade no sector audiovisual

por Redacción Galicia

As conclusións do estudo, que abarca o período transcorrido entre os anos 2016 e 2022, confirmaron que as desigualdades entre sexos tamén teñen lugar no mercado audiovisual

O equipo de investigadoras da Universidade da Coruña formado por Ana María González Neira, Natalia Quintas Froufe e Carlota Fiaño Salinas, todas do Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación, participan xunto con outras catro universidades e baixo a batuta da profesora da Universitat Jaume I de Castelló (UJI), Jessica Izquierdo, nun proxecto de investigación acerca da situación da muller na industria do streaming. As conclusións do estudo, que abarca o período transcorrido entre os anos 2016 e 2022, confirmaron que as desigualdades entre sexos tamén teñen lugar no mercado audiovisual. 

O estudo centrouse en analizar os contidos dispoñibles en Netflix, HBO Max e Amazon Prime Vídeo revelando, entre outros datos, que a presenza feminina é do 35%, mentres que os homes ocupan aproximadamente dous terzos do espazo investigado. Así mesmo, o Observatorio tamén verificou a disparidade de xénero mediante cifras con exemplos como o 81% de directores no ámbito audiovisual fronte ao 19% de mulleres nese rol, así como o modesto 7,1% de directoras de fotografía, a presenza en España de máis mulleres directoras (22%) no xénero de ficción (19,3 %) que no documental por streaming (18,6%) ou que os homes aínda supoñen o 68,6% do total de traballadores do xénero documental.

Como indican as profesoras Quintas Froufe e González Neira “a masculinización do sector audiovisual é unha característica xa comprobada en investigacións anteriores, pero os resultados deste proxecto indican que esta desigualdade mantense de forma notable na nova industria das plataformas over the top (OTT)”. En opinión das investigadoras Jessica Izquierdo e Emma Torres no artigo “Mujeres en la industria documental. La desigualdad continúa en la era del streaming”, “as bases para as melloras teñen as súas raíces en cuestións educativas, formativas, pero tamén en políticas de xestión das produtoras e na procura real de discursos creativos femininos”. A mellora de todos estes aspectos e a visibilización que ofrece a investigación poden converterse nunha vantaxe diferencial”.

Parte destes resultados publicáronse no libro “Mujeres en streaming. Especialización, liderazgo y representación”, editado por Jéssica Izquierdo Castillo. Tamén se lanzou a plataforma web do proxecto, que ofrece os artigos publicados e entrevistas a mulleres profesionais do sector audiovisual en diversas áreas de especialización, xunto con vídeos divulgativos que presentan resultados clave do estudo, como “Las voces del documental”, “El liderazgo de la mujer en la industria” e “Oportunidades y retos para las mujeres en el audiovisual”.

Estas actividades están vinculadas ao proxecto de investigación “Estudio del impacto de las plataformas streaming sobre el papel de la mujer en la industria audiovisual española y en sus contenidos” (AICO/2021/168), financiado pola Conselleria de Innovación, Universidades, Ciencia y Sociedad Digital da Generelitat Valenciana durante o período 2021-2023 e integrado pola UJI, como coordinadora, e as universidades da Coruña, Vigo, País Vasco-EHU e Complutense de Madrid.

Foto portada: De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, as investigadoras do Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña Ana Mª González Neira, Natalia Quintas Froufe e Carlota Fiaño Salinas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario