Non deixa de resultar abraiante que o balbordo mediático provocado polo calificativo que dá título á canción que representará a España sexa porque se considera ofensivo ou pouco «elegante» para abandeirar ao conxunto do católico e apostólico Estado español. Porque se este ano hai algo obsceno que represente ao festival é o sangue dos milleiros de palestinos asasinados por Israel, flamante participante e patrocinador, ao que non se considerou en ningún momento apartar coma se fixera o ano pasado con Rusia, algo que na organización eurovisiva xustifican considerándose «apolíticos». Xa que falamos de obscenidades, pois imos tirar a casa pola xanela.
A ridiculez argumentativa por autodenominarse «zorra» nun contexto onde pretende xustamente o contrario do que lle achacan os ofendidos, só convida a reflexionar unha vez máis sobre a escasa comprensión lectora da cidadanía patria, incapaces de entender o sentido figurado, ler entre liñas ou a pura retranca para dar a volta a determinadas situacións. E mirade que a letra da canción tampouco é que teña unha retórica refinada nin revirada, cunha linguaxe coloquial e unhas rimas simples onde a mensaxe está no trasfondo que infinidade de mulleres viviron e viven de cotío. Por iso o que pretende é que sexa un canto para romper amarras, para reafirmarse e liberarse desas cadeas que ás veces non se ven desde fóra, pero que se padecen por dentro. Que moleste tanto incluso a políticos que se rasgaron as vestiduras por tamaña ousadía, xa di abondo de certos pensamentos, moi parecidos ou idénticos aos que elaboraron o programa de actividades en Tomelloso para as mulleres, onde a costura e a cociña son as estrelas da «revolucionaria» oferta gubernamental nese lugar. Para todos eles:
«Ya sé que no soy quien tú quieres,
entiendo que te desespere.
Pero esta es mi naturaleza,
cambiar por ti me da pereza».
No he entendido el artículo porque desconozco el idioma en el que está publicado.Saludos cordiales