«Animálgama», novo libro de poemas do carballés Ramón Sánchez

por 21 Noticias

Animálgama está formado por nove poemas que, sempre cos animais como protagonistas, narran historias na súa maioría disparatadas, hilarantes, e en moitos casos ata irreverentes.

En Animálgama podemos atopar un caracacol que, montado nun patinete, corre mil peripecias para chegar á súa cita cunha limacha; tamén a catro galiñas que devecen por voar como as aguias e farán o posible e o imposible por conseguilo (lograrano?); unha píllara que se fai amiga dunha onda travesa; un feixe de bichos cheiróns que traballan nunha fábrica de perfumes; sete animais que están fartos de cousas que se cren sobre eles e que non son certas, e convocan a toda a cidade para desmentilas… e outras historias máis que invito ás e ós lectores, grandes e pequenos, a que descubran por elas e eles mesmos.

Estas historias están contadas sempre dende un ton divertido, xa que esa era a idea deste poemario dende a súa concepción, que tiña que ser divertido.

Lucía Barrios soubo captar perfectamente a esencia do que quería dicir cos poemas e conseguíu que as súas ilustracións abriguen de xeito magnífico estas disparatadas historias.

A coidada e mimada edición por parte dos editores fai deste conxunto un libro marabilloso.

Aspectos técnicos:

O libro, que inaugura a colección de poesía da editorial, foi publicado en xaneiro de 2024. Conta con distribución nacional e tamén pode ser mercado na súa web ( https://antelaeditorial.com/index.php/producto/animalgama/ )

Web de Lucía Barrios ( https://www.lubarrios.com/ )

Ramón Sánchez ( https://www.instagram.com/ramonsv75/ )

A editora é Antela Editorial, de Ourense, con sede en Vilar de Barrio

El autor

Ramón Sánchez (Carballo, 1975). Músico. Poeta. Autodidacta.

Como músico ten formado parte de diferentes grupos entre os que cabe destacar Traboute, co que edita tres discos de estudio.

No eido da poesía obtén diversos recoñecementos en certames celebrados por toda Galicia. Algúns deses poemas son recollidos en posteriores antoloxías.

Tamén publica na rede «Enxeñería efémera», unha sorte de trece pezas visuais nas que conxuga imaxe, palabra e música.

En 2020 ven a luz os seus dous primeiros libros de poemas, «Descender pola nádega da montaña» e «Vagar de náuseas».

«Animálgama» é a súa primeira achega ó libro infantil.

Información sobre a ilustradora Lucía Barrios:

Lucía Barrios, naceu en Lugo en 1982.

Formouse en Deseño Gráfico e Ilustración nas Escolas de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo e Pablo Picasso da Coruña respectivamente. 

Durante anos dedicouse ao deseño gráfico, pero realmente o que sempre quixo era dedicarse á ilustración infantil, así que deu o salto e profesionalizouse como ilustradora.

O que máis goza é a creación de personaxes, as súas ilustracións sempre tratan de ter un toque de humor.

Con Antela Editorial ilustra Animálgama.

Isto é o que di a editorial na ficha de venda do libro:

Con este álbum ilustrado pretendemos achegar o mundo da poesía á cativada dun xeito diferente, ameno e divertido.
En «Animálgama» poderás atopar un feixe de historias disparatadas que farán que pequenos e maiores rían a cachón.

E isto é o que aparece na capa posterior do libro:

Isto que tes nas mans non é un libro corrente,
é unha ANIMÁLGAMA!
E iso que é?
É un fantastilibro no que a poesía se volveu tola.
É «un gorila que baila ao son dunha gaita».
É «un verme en monopatín».
Ou incluso «unha medusa con tiracroios».
Se non mo cres, ábreo e verás!
Unha animálgama agarda por ti.

Seguro que che fai rir.

Un pouco de información sobre a editorial:

Somos xente comprometida

  • Coa calidade.
  • Coa labor social.
  • Co medio ambiente.
  • Coa cadea de produción editorial.

Antela Editorial formámola escritores e escritoras de libro infantil que vimos a necesidade de crear edicións coidadas, de apostar polo talento local e de traballar con empresas galegas para que os beneficios queden en Galicia.

Traballamos por unhas porcentaxes xustas para toda a cadea de produción editorial e por uns dereitos de autor dignos para quen crea a cultura.

E contámosche isto porque para nós é importante que saibas como funcionamos e coñezas o que nos moveu a crear a editorial.

E con cada libro…

  • Colaboras cunha labor social: destinamos unha porcentaxe dos beneficios de cada libro a apoiar unha asociación en prol dunha causa social.
  • Apoias a produción local: toda a produción editorial dos nosos libros, desde a escritura ata a impresión, está feita en Galicia.
  • Axudas a coidar o medio ambiente: empregamos papel procedente de fontes responsables e de proximidade para termos a menor pegada ecolóxica posible.
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario