Xa se está a acometer a renovación dos colectores na rúa Novoa Santos, unha actuación que se dividirá en dúas fases. En paralelo, Infraestruturas está a instalar a rede de recollida de augas na rúa París
O Concello da Coruña comezou esta semana os traballos correspondentes á renovación da rede de saneamento na rúa Novoa Santos, no barrio de Catro Camiños, unha intervención que se acometerá en dúas fases diferenciadas, ao longo duns 208 metros de percorrido.
A primeira destas dúas fases estase levando a cabo no treito de Novoa Santos comprendido entre a avenida de Oza e o cruzamento coa rúa Nicomedes Pastor Díaz. Son, aproximadamente, 108 metros de colectores. Xa posteriormente, na segunda fase, completarase a renovación das tubaxes existentes no treito de Novoa Santos que vai desde Nicomedes Pastor Díaz ata a avenida do Exército, duns 100 metros.
Seguindo o modelo das melloras de saneamento que está a executar o Goberno de Inés Rey en todos os barrios da cidade, o Concello substituirá os antigos colectores —de gres— e implementará uns novos, feitos de PVC e cun diámetro máis amplo, de 315 mm, o que permite reforzar a seguridade ante posibles fugas de augas.
Esta actuación, promovida pola Área de Economía e Planificación Urbana a través do servizo municipal de Infraestruturas, implicará un investimento de 100.000 euros.
Instalación de colectores na rúa París, na Zapateira
En paralelo aos traballos en Novoa Santos, o Concello iniciou tamén unha nova intervención na rúa París, situada no sector leste do barrio da Zapateira. En esencia, o plan de obra inclúe a instalación da rede de recollida de augas fecais e pluviais no treito da rúa París que está comprendido entre as rúas Florencia e Ámsterdam. Os traballos suporán un
investimento de 130.000 euros.