Balseiro: “O PP é garantía de máis servizos para o hospital como a resonancia magnética fixa que xa atendeu a 1.500 persoas desde a súa posta en marcha”

por Redacción Galicia

Os populares lembran que, co voto en contra de PSOE e BNG, Galicia é a  única comunidade que aprobou unha lei para dar praza estable aos médicos que aposten por prazas de difícil cobertura nos centros de saúde de atención primaria da comarca

O Partido Popular é a única forza política que garante novos servizos para o Hospital da Mariña lucense, tales como a resonancia magnética fixa que, desde a súa posta en servizo o pasado mes de setembro, xa ten atendido a preto de 1.500 pacientes.

Os populares contrastan o esforzo inversor feito polo Goberno do Partido Popular nestes últimos 15 anos, coa falta de interese durante o mandado do Executivo bipartito (PSOE e BNG) que non foi quen de impulsar un só novo servizo no hospital mariñá. Contrapoñen os “feitos” do Goberno do PP, que cumpriu os seus compromisos, coas “palabras ocas” que defenden os partidos da esquerda á hora de amosar o seu compromiso coa sanidade pública comarcal.

Así lembran que co PP na Xunta fíxose realidade un fito como foi o inicio da obra de ampliación e remodelación do hospital de Burela, que continuará na súa segunda fase, ademais de sumar novos servizos que antes non existían como a sala de tratamentos de quimioterapia e oncoloxía, as unidades de hospitalización a domicilio ou a segunda sala de endoscopias, entre outros, aos que agora se suma a resonancia magnética fixa e o novo TAC -que supuxeron un investimento de máis dun millón de euros- e que melloran a tecnoloxía dispoñible para realizar probas diagnóstica clave, como por exemplo, a detección precoz de tumores.

Os populares poñen en valor tamén que aínda que na Mariña tamén sofren ese problema común a todas as comunidades autónomas de falta de médicos de familia e especialistas, desde o PP na Xunta, no ámbito das súas competencias,  impulsouse unha lei que está a permitir a cobertura de prazas vacantes, con profesionais estables, nos centros de saúde da comarca, como aconteceu recentemente en Viveiro, Burela, O Vicedo, Cervo e Mondoñedo. Unha norma fronte a que -lembran os populares- o PSOE e BNG votaron en contra. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario