O concelleiro popular Gustavo Díaz denunciou que as citas dos usuarios están sufrindo demoras de ata 2 meses para facer a primeira chamada e valorar os casos.
“Dende o PP levamos moito tempo reclamando que se cree un sistema áxil e efectivo para a substitución de profesionais e que as súas baixas laborais ou periodos vacacionais non causen saturación doutros compañeiros”.
A maiores desta cuestión o popular lembrou que o posto da traballadora social “que realizaba un control previo para que as urxencias de servizos sociais se valoren, e que coordinaba as listas de espera e citas segundo as emerxencias dos casos non está cuberto, dende hai meses” aclarando que esta situación “obriga a asumir esta función a cada Centro Social, sobrecargándoos de traballo”.
Díaz tamén insiste en “reforzar os servizos sociais con apoio técnico e administrativo” para desconxestionar, dunha vez por todas, as demoras na atención aos cidadáns para que poidan respostar ás novas esixencias sociais que están xordindo en base ás necesidades e demandas da sociedade.
“Neste momento os profesionais de Servizos Sociais están desbordados polas baixas sen cubrir dificultando a atención á veciñanza”.