Marta Lois: “Hai dous escanos que se están xogando co PP. Vai haber cambio histórico no país”

por Redacción Galicia

A candidata de Sumar Galicia á Xunta, Marta Lois, estivo este martes en Ourense xunto co portavoz de Sumar no Congreso, Íñigo Errejón, e membros da candidatura ourensana.

Nesta recta final da campaña, a candidata quixo insistir na importancia da mobilización do electorado para facer posible un goberno a tres na Xunta de Galicia. “Sumar Galicia está xogando un rol moi decisivo para un cambio político no país”, afirmou.

“Hai dous escanos que se están xogando co PP. Ou o Partido Popular leva eses dous escanos ou os leva Sumar Galicia”, insistiu Lois.

“Vai haber cambio histórico no país. Vai haber políticas que defendan os dereitos das mulleres, os dereitos e as políticas para xente moza, para as familias traballadoras. É o momento de apertar, de convocar a todas as galegas e galegos progresistas. Porque, se van votar como se votou o 23 de xullo, hai cambio”.

A candidata de Sumar Galicia tamén urxiu ao candidato do PP, o señor Alfonso Rueda, que dese explicacións sobre as declaracións do líder da súa formación, Alberto Núñez Feijóo, estes últimos días. “Ten que dar explicacións, de por que dicían que a amnistía ía romper España e agora o seu xefe di que estaban en conversas para indultar a Puidgemont”, reclamou Lois. “Son uns mentireiros, son uns hipócritas”, engadiu.

Pola súa parte, o portavoz de Sumar no Congreso, Íñigo Errejón sinalou que esta situación é “a consumación da enésima mentira na que o PP foi cazado”.

“O PP dixo que non se podía falar coas formacións independentistas catalanas e estaba a negociar un acordo de investidura. Dixo que os indultos foran un erro, que non se podían conceder en ningún caso e estaba disposto a concederlle un a Puidgemont”, criticou. “O máis relevante de todo isto é que, outra vez, o Partido Popular mentiu”.

Comparte éste artículo
1 Comment