Xosé Abelenda, responsábel do BNG en Suiza, orixinario de Grixoa De Esternande, emigrado dende o ano 2002, fillo de emigrantes. Inspector de Traballo no Sector TIC
¿Como estades vivindo as eleccións galegas en Suiza?
Con moito interese, xa que a comunidade galega na Suiza sempre pensa no retorno á terra. Temos familia, amizades e propiedades en Galicia e daquela todo nos afecta.
¿Chegouvos toda a documentación a Suiza?
Boa pregunta, non a todos, mais temos que lembrar que ata o 15 pode votarse directamente nos consulados de Berne, Zürich e Genève e alí proporcionan toda a documentación. Agora ben, aqueles que viven lonxe, ficarán sen votar, e non é xusto.
¿Para ti, Xosé, que significa democracia? Democracia directa, que o pobo teña a última palabra. En Suiza podemos lanzar unha nova lei ou proxecto ou ata oporse a unha lei ou proxecto. Un exemplo, recollendo sinaturas pódese botar un proxecto eólico abaixo ou a minaría a ceo aberto.
¿Cal foi a túa achega nesta campaña electoral? A miña achega á campaña non se entendería sen toda a equipa do BNG de Suiza. Fixemos e facemos moitas cousas, vídeos, actos preeleitorais e lanzamos iniciativas en todos os ámbitos. O 27 de xaneiro, organizamos unha visita guiada polo comisario da exposición, o laxeiro, Antonio Rodríguez a Taxi Compostelle que trata sobre a emigración galega na Suiza, na cidade de Delémont con recepción oficial do goberno municipal e onde participaron o alcalde de Xenebra, Alfonso Gómez, a eurodeputada Ana Miranda e Xosé Regueira, vicepresidente da deputación da Coruña e despois fixemos un meeting no Centro Español de Lyss e onde participaron máis de 100 persoas. Un éxito, tanto pola participación e tamén polo bo ambiente. Tivemos o pracer de escoitar e bailar co grupo galego, Galiza Celta de Delémont
¿Como falas de iniciativas, Xosé, cales foron esas iniciativas?
Pois foron varias e dúas a finais de xuño foron aceptadas no Parlamento Galego por todos os parlamentarios mais a día de hoxe non se aplicaron: acceso á sanidade pública e gratuíta para os emigrantes retornados que non cotizaron en España e que a día de hoxe teñen que pagar case 90 euros ao mes e a outra foi a de que a TVG Europa e América, emita contidos infantís e xuvenís, xa que os nosos fillos queremos que poidan ter un espazo para eles na canle pública. Iniciativas como que se recoñezan os diplomas ou formacións Suizas ou galegas na Suiza, o PP non quere entrar en materia e despois disque lle queren moito aos emigrantes. O tema de recoñecemento tácito de pensións de fóra ou de ter unha oficina da Xunta na Suiza para arranxar papeis, o PPdeG de Rueda, tamén dixo non.
¿E por que votar ó BNG e non a outro partido?
Precisamos o cambio galego e unha boa presidenta da Xunta e esa é Ana Pontón. Tamén queremos que o goberno central poña fin á discriminación fiscal que sofren os emigrantes retornados, por exemplo por recuperar o segundo pilar podemos chegar a pagar ata un 40% ao fisco ou a lei 35-2006 do IRPF que nos computa automaticamente como dous pagadores, polo feito de ter unha pensión de fóra. Por certo se temos unha vivenda dedicada ao alugueiro, levántannos o 24% e non podemos desgravar nada polo feito de residir en Suiza.