A asociación de gandeiros e gandeiras convida a participar a distintos colectivos de produtores así como aos sindicatos agrarios
A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla convoca para este xoves 15 de febreiro un acto de protesta diante de Delegación do Goberno na Coruña «para manter viva a chama das protestas que nas últimas semanas se estenderon por distintos países europeos».
O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, considera «insuficientes» os compromisos acadados por parte dos Gobernos das distintas Administracións para facer fronte á «situación de emerxencia que vive todo o sector primario» polo que fai un chamamento a «manter a presión» para que as reivindicacións dos produtores sexan «escoitadas e atendidas».
A Manifestación en Defensa do Sector Primario partirá ás 12:00 da mañá desde o Coliseum da Coruña para dirixirse a pé até a Delegación do Goberno, onde se lerá un Manifesto coas principais reivindicacións: redución da burocracia, reforma e simplificación da PAC, modificación das normativas ambientais e un prezo xusto polos produtos en orixe.
Participación de distintos colectivos
Aínda que Agromuralla é quen convoca este acto de protesta, está prevista a participación de distintos colectivos e asociacións de produtores chegados desde distintos puntos de Galicia en representación de sectores como o do leite, o da carne, o ovino, o porcino, a produción hortícola ou a pesca.
Agromuralla invita a participar a outras organizacións relacionadas con actividades do sector primario e fai un chamamento expreso aos sindicatos agrarios para que se sumen e participen na protesta. Tamén a todos aqueles cidadáns que se queiran solidarizar co sector.
A marcha discorrerá polas avenidas Alfonso Molina e Linares Rivas até a Praza de Ourense, obrigando a cortar os accesos á cidade da Coruña.
Axenda 2030
Un dos motivos da protesta é solicitar a retirada da Axenda 2030, aprobada polo Goberno español en sintonía coa Estratexia da Granxa á Mesa da UE e que «afoga a agricultura e a gandería con imposicións imposibles de cumprir, como a nova normativa de xurros».
«Os produtores de alimentos non somos os culpables da destrución do medio ambiente, máis ben ao contrario», argumenta José Luis Pérez Barreiro, que acusa tanto á Unión Europea como aos Gobernos dos distintos países membros de «condenar ao medio rural á desaparición».
«Mentres en Europa se nos poñen todo tipo de trabas e impedimentos para producir, ao mesmo tempo faise a vista gorda á entrada de produtos desde o exterior que non cumpren coas esixencias en materia de fitosanitarios ou benestar animal que aquí temos que cumprir», quéixase o presidente de Agromuralla.
«Semella que o verdadeiro obxectivo da Axenda 2030 é que os produtores locais pechemos antes do 2030 para abrir as fronteiras ás importacións a través dos tratados de libre comercio, ignorando o principio de preferencia comunitaria», argumenta, alertando de que «está en xogo a seguridade alimentaria e a garantía de subministro de alimentos e produtos de primeira necesidade á poboación, como se demostrou durante a pandemia», lembra.