Besteiro anuncia un gran acordo de país “pola Igualdade efectiva, que faga da axenda feminista o eixo vertebrador do goberno galego”

por Redacción Galicia

Anuncia un Gran Pacto Galego pola Corresponsabilidade, poñer en marcha os centros de crise 24H de atención ás vítimas de violencia sexual, incorporar a educación afectivo – sexual no ensino regrado e camiñar cara á erradicación da prostitución

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou hoxe un gran acordo de país pola Igualdade efectiva co compromiso de dedicar o 1% e camiñar cara o 2% do Orzamento consolidado da Xunta ás políticas de Igualdade e contra as violencias machistas. Gómez Besteiro fixo este anunciou en Santiago coas cabezas de lista das candidaturas do PSdeG Patricia Iglesias -A Coruña-, Lara Méndez -Lugo-, Carmen R. Dacosta -Ourense- e Elena Espinosa -Pontevedra-, a presidenta do partido, Carmela Silva, e a secretaria de Igualdade, Silvia Fraga.

Gómez Besteiro explicou o gran pacto de país en materia de Igualdade para situar á axenda feminista como “eixo vertebrador” e transversal do futuro goberno progresista para unha sociedade máis xusta e igualitaria. A proposta súmase aos grandes acordos de emprego, rescate da sanidade pública e por uns salarios dignos presentados por Besteiro ata o momento.

Advertiu que “ningunha sociedade pode permitirse que máis da metade da poboación viva discriminacións e inxustizas por razón de sexo” e advertiu que “tampouco podemos permitirnos desaproveitar a metade do talento galego” que representan as mulleres. Sinalou a importancia de traballar na educación sexual e a igualdade no ámbito empresarial e propuxo Gran Pacto Galego pola Corresponsabilidade que incorpore a sindicatos e patronal.

Os socialistas galegos impulsarán un novo marco de relacións laborais que potencie a conciliación laboral e persoal, que ataque a fenda de xénero tanto en termos de emprego como de salario. Chamou a erradicar a fenda de xénero porque “non pode ser que unha muller, polo mero feito de selo, cobre menos que un home en idénticas condicións” ata o punto de que deixan de percibir o equivalente a un mes de salario ao ano.

Anunciou a creación do Instituto Galego da Muller, recuperando o organismo na defensa da igualdade entre mulleres e home que fora “fulminado” polo PP en 2010, ademais de acordar unha estratexia para estender a rede de Centros de Información á Muller -CIM- en colaboración coa Fegamp. Garantiu soporte técnico e económico para a súa pervivencia cunha programación estable de obradoiros, atención e prevención da violencia de xénero.

Violencia machista

O candidato socialista cualificou de “intolerable” o incremento dos delitos sexuais tamén en Galicia, onde se rexistraron tres mulleres asasinadas só durante o ano pasado, así como varios casos de violencia sexual en grupo, polo que reclamou poñer “tódolos esforzos do goberno galego” no obxectivo “irrenunciable” da violencia 0. 

Besteiro anunciou que o seu goberno porá en marcha de maneira inmediata e simultánea nas catro provincias os centros de crise 24 horas de atención integral ás vítimas de violencia sexual, que serán estendidos de forma gradual a tóalas áreas sanitarias de Galicia. Garantirá ademais a creación de xulgados especializados en Violencia de xénero en cada cidade de Galicia e garantir unidades de valoración integral forense en todo o territorio galego.

O responsable socialista comprometeuse a loitar dende o ámbito da educación cumprindo coa Lei de Liberdade Sexual aprobada en 2023, que obriga a incorporar a educación afectivo – sexual ao ensino, con especial atención ao uso axeitado das novas tecnoloxías. Lembrou que o PP negouse a incorporar esta medida na Lei de Igualdade aprobada en novembro, rexeitando as emendas presentadas polos socialistas galegos.

Gómez Besteiro avogou por “camiñar dunha vez cara á erradicación da prostitución” a través de modificacións lexislativas contra os que se lucran a costa de explotar o corpo das mulleres prostituídas. Tamén defendeu impulsar cambios sociais acompañados de políticas públicas eficaces que ofrezan unha saída e acompañamento integral ás vítimas dunha práctica que debe quedar relegada a un mal recordo. 

Fraude do PP

O candidato socialista reivindicou os avances en materia de Igualdade grazas aos gobernos do PSOE fronte á “fraude” que representa o PP, que “pola mañá defende a Igualdade pero pola tarde pacta con negacionistas e misóxinos, e o volverá a facer”, advertiu. 

Pediu o voto para garantir o avance das mulleres en pé de igualdade fronte a un PP que elabora unha Lei de Igualdade que conxela a loita do feminismo, asumindo as teses dos seus socios da ultradereita e impide incorporar a educación afectivo – sexual no ensino regrado. Mentres, estancan as políticas de igualdade nos Orzamentos, quitándolles recursos propios do goberno galego ata depender unicamente das achegas procedentes do Estado.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario