Investigadores do CITENI da UDC crean a spin-off Motion and Force Engineering Solutions

por Redacción A Coruña

Un equipo de investigadores do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do CITENI expertos en biomecánica, funda Motion and Force Engineering Solutions (MFES), spin-off dedicada á biomecánica do movemento humano e as súas aplicacións que xorde no Campus Industrial de Ferrol da UDC

O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC) ábrese a novos horizontes co lanzamento da spin-off Motion and Force Engineering Solutions (MFES). Esta iniciativa empresarial xorde como froito do coñecemento especializado e dos resultados de investigación do persoal do LIM. O seu proxecto emprendedor nace co obxectivo principal de transferirlle á sociedade o coñecemento académico en forma de produtos innovadores, servizos e proxectos personalizados, vinculados todos eles á biomecánica do movemento humano.

UN PROXECTO PARA AXUDAR ÁS PERSOAS

Promovida polos investigadores Florian Michaud, Urbano Lugrís e Javier Cuadrado, baixo a iniciativa do enxeñeiro emprendedor Alejandro Vázquez, MFES representa un fito significativo na traxectoria do LIM. Posibilita converter os resultados de investigación obtidos no campo da biomecánica do movemento humano en aplicacións prácticas para a sociedade. A misión da spin-off MFES é mellorar a calidade de vida das persoas mediante o desenvolvemento de solucións personalizadas. Os seus esforzos céntranse nunha ampla variedade de áreas que inclúen o sector sanitario, deportivo, laboral e automotriz, entre outros.

LIÑAS DE TRABALLO

As principais áreas de especialización de MFES son estas: 

  • Rexistro e avaliación da marcha e outros movementos humanos.
  • Modelaxe e simulación do sistema musculoesquelético.
  • Aplicacións de sensorización para análises biomecánicas.
  • Deseño e avaliación de dispositivos para asistencia e exercicio.

A spin-off pon ao dispor do tecido industrial sanitario e as empresas vinculadas aos sectores do deporte e a saúde a súa experiencia investigadora. Ofrece servizos de tecnoloxía avanzada para a captura do movemento humano co valor engadido de proporcionar retroalimentación biolóxica (biofeedback) en tempo real a quen use ou supervise o tratamento terapéutico. E aínda que MFES está especializada na biomecánica do movemento humano, tamén ofrece servizos destinados á captura e análise do movemento animal para facilitar a aplicación e o desenvolvemento de solucións terapéuticas no ámbito da traumatoloxía veterinaria.  

A filial do LIM aposta pola diversificación de servizos co obxectivo de ampliar a súa área de negocio cara a outros ámbitos, como o sector do entretemento (captura do movemento humano para a súa aplicación en videoxogos), o laboral (estudos de ergonomía laboral) ou o sector dos seguros (análise forense), entre outros.

Co apoio estratéxico da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) da UDC, Motion and Force Engineering Solutions, do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, sitúase como unha ponte fundamental entre a academia e a sociedade. 

O lanzamento de MFES representa un novo capítulo do compromiso do LIM e do CITENI coa innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. A spin-off está dispoñible para consultas, propostas e colaboracións na páxina web https://mfes.es/.

UN EXPERIMENTADO EQUIPO INVESTIGADOR 

Os integrantes de MFES forman parte dun equipo experimentado e comprometido, cuxa traxectoria investigadora demostra un profundo coñecemento do campo da enxeñaría mecánica. Levaron a cabo con éxito numerosos proxectos de relevancia, con financiamento público e privado, demostrando a súa capacidade para abordar desafíos complexos con creatividade e eficiencia na utilización dos recursos, así como para transferir os seus coñecementos ao tecido empresarial. 

Alejandro Vázquez (fundador)

Graduado en Enxeñaría Mecánica en 2014 e Máster en Enxeñaría Industrial en 2016 pola UDC. Traballou no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica nun proxecto de investigación financiado por Tecnalia Research & Innovation. En 2017 pasou a formar parte do devandito centro de investigación para colaborar na dirección e o desenvolvemento de proxectos de ámbito estatal e europeo vinculados á automoción. En 2018 trasladouse a Capgemini Engineering (anteriormente Altran), desde onde traballou para Construcións e Auxiliar de Ferrocarrís (CAF) na dirección de proxectos ferroviarios de nivel mundial. A súa carreira céntrase no desenvolvemento, a dirección de proxectos industriais, o emprendemento e a creación de modelos de negocio para proxectos tecnolóxicos. Participou en programas como Addventure (UDC) ou UPM2T (Universidade Politécnica de Madrid, UPM). En 2022 iniciou o seu primeiro proxecto como emprendedor autónomo: FIGA CrossFit.

Florian Michaud (cofundador)

Enxeñeiro desde 2014 nas especialidades de Mecánica e Ergonomía pola Universidade de Belfort-Montbeliard (Francia). O seu traballo de fin de carreira centrouse no deseño de instrumentación para cirurxía ortopédica que realizou na empresa francesa Onefit Medical. Nese mesmo ano uniuse ao Laboratorio de Enxeñaría Mecánica da UDC, para traballar no campo da biomecánica do movemento humano, grazas a unha bolsa estatal. En 2018, realizou unha estadía de predoutoramento na Universidade Rice, de Houston, en Estados Unidos. En 2020 doutorouse e o seu traballo foi galardoado como a mellor tese de doutoramento pola Cátedra de Traumatoloxía do Deporte UDC-HM. Desde 2022, goza dunha bolsa “Talento investigador” do Campus Industrial da UDC para levar a cabo a súa propia investigación, relacionada coa modelaxe do xeonllo para a artroplastia total de xeonllo, investigación que realiza en colaboración coa empresa francesa Pixee Medical.

Urbano Lugrís (cofundador)

Profesor titular de universidade na UDC dentro da área de Enxeñaría Mecánica. Tras o seu paso pola empresa de consultoría Norcontrol, SA, en 2004 incorporouse ao Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM). Doutorado en Dinámica de Sistemas Multicorpo Flexibles en 2008, desde entón especializouse na captura, análise e simulación do movemento humano.

Javier Cuadrado (cofundador)

Catedrático de universidade de Enxeñaría Mecánica da UDC, en 2002 fundou o grupo de investigación Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM), especializado en dinámica de sistemas multicorpo e as súas aplicacións. Iniciou en 2007 a liña de investigación do laboratorio en biomecánica do movemento humano.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario