O Concello, a través da área de Vías e Obras que dirixe o tenente de alcalde Juan Carlos González, lamenta o estado de abandono no que se atopa a Nacional 120 e reclama á administración que ten as competencias, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, que cumpra coas súas obrigas de mantemento na estrada. Un informe elaborado polos axentes da Policía Local confirma o grao de perigosidade que supón para os condutores dos vehículos que circulan polo firme.
Neste sentido, González apunta que “o informe que elaborou o servizo da Policía Local corrobora o estado calamitoso da Nacional 120, con fochancas de ata 10 centímetros de profundidade. Isto supón un risco para os condutores e, sobre todo, para as persoas que circulan en motocicleta”. Ademais, indica que o abandono da estrada repítese ao seu paso tanto polas parroquias como polo casco urbano do municipio.
Deste xeito, a concellería de Vías e Obras reclama ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, dependente do Goberno central, unha solución urxente e que acometa as obras que sexan necesaria para reparar o firme da Nacional 120 ao seu paso pola vila posto que “son numerosos usuarios e usuarias que empregan a estrada ben para acudir ao seu posto de traballo ben para levar a cabo o seu día a día e é o propio Ministerio o que ten as competencias para poder realizar a reparación do firme”.