A asociación ecoloxista leva ao IES Pintor Colmeiro e ao IES Ramón María Aller Ulloa a exposición sobre especies exóticas invasoras.
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, no marco do Proxecto Fluviatilis, achega ao alumnado de Silleda e Lalín, lugares pertencentes á conca do río Arnego, os problemas que supoñen as especies exóticas invasoras no medio natural.
Faino a través da exposición «Unha Invasión Silenciosa: A Biodiversidade Baixo Ameaza», que estivo instalada no IES Pintor Colmeiro de Silleda do 7 ao 21 de outubro, e que agora viaxa ao IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín ata o 5 de novembro.
Durante este tempo, o alumnado poderá visitar a exposición e realizar actividades de sensibilización sobre os problemas que provocan as especies invasoras nos ecosistemas fluviais. O día 5, ADEGA desenvolverá no IES unha visita guiada á exposición. O alumnado tamén poderá coñecer as iniciativas que ADEGA puxo en marcha para divulgar esta problemática, así como as accións que podemos levar a cabo no ámbito persoal para evitar o seu espallamento.
ADEGA continúa así coas actividades programadas dentro do Proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.