O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, recibiu este xoves no Pazo de San Marcos a 50 escolares do curso de 3º de Primaria do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo
O motivo da visita foi coñecer desde dentro o funcionamento das administracións públicas que os escolares están a traballar nunha das materias que estudan nas aulas.
No encontro, que tivo lugar no Salón de Actos, José Tomé Roca explicoulles que é a Deputación e o papel que xoga no día a día dos cidadáns, e fíxolles entrega como agasallo institucional do libro Colorea a provincia de Lugo e unha mochila cun paraugas e unha gorra. O alumnado visitou o Salón de Plenos e a Sala de Xuntas, e fixo un percorrido polas instalacións provinciais, onde coñeceu parte da historia do edificio que hoxe é a sede da Deputación de Lugo. Os nenos e nenas xunto aos seus profesores completaron a visita no Concello de Lugo.