A candidata á Presidencia, Ana Pontón, pediu aos coruñeses e ás coruñesas que este próximo domingo «se mobilicen» nas urnas «porque A Coruña vai ser clave no cambio». «Se A Coruña vota polo BNG, se toda a xente que quere un País mellor vota polo BNG, o 18 de febreiro faremos historia e teremos por primeira vez a unha muller presidenta», proclamou.
Ante a corrente de «enorme ilusión» que percibe arredor do Bloque, a candidata nacionalista afirmou que hai unha maioría social que quere abrir un novo ciclo político e mostrou o seu convencemento de que se «todas as persoas que soñan cunha Galiza mellor» acoden ás urnas este domingo e unen todo ese voto de cambio na papeleta do BNG, «imos ser imparables, imos facer historia e imos ter por primeira vez unha muller presidenta coas mans libres» para defender os intereses dos galegos e das galegas.
Logo de manter un encontro cos membros da candidatura da Coruña, encabezada por Mercedes Queixas, Pontón dirixiuse de xeito especial a «toda esa xente que está indecisa, que a día de hoxe non sabe que votar» para animala a participar o domingo no proceso electoral e a que «colla con ilusión a papeleta do BNG porque imos estar á altura da súa confianza».
«Somos a candidatura do cambio», sintetizou para explicar que o proxecto nacionalista pasa por construír unha Galiza onde «defendamos os servizos públicos, onde a xente moza teña oportunidades, onde enfrontemos o problema da falta de acceso á vivenda e onde apostemos polo emprego de calidade, pola ciencia e pola innovación».
Pontón apelou a que «todo o voto inconformista» se una no Bloque porque «é a mellor opción para que o próximo 18 de febreiro teñamos motivos para sorrir» e abrir un tempo novo que deixe atrás os 15 anos dun Goberno do PP «que fixo que Galiza perda». «Porque perdemos servizos públicos, poboación, mocidade, peso no Estado e temos que empezar a gañar» dixo para subliñar que «a papeleta para que os galegos e as galegas gañen é a papeleta do BNG».
A preguntas dos medios de comunicación, a candidata nacionalista contrapuxo a campaña electoral propositiva, de ilusión, esperanza e «en positivo» desenvolvida polo Bloque fronte a un PP «que en vez de explicar o seu programa, se dedicou a atacar con mentiras e falsidades ao BNG».
Neste contexto, considerou estas eleccións como unha oportunidade tamén para «desterrar a mentira como forma de facer política e a descualificación como maneira de entender o contraste de ideas».
«Quero ser a presidenta que lle diga sempre a verdade aos galegos e ás galegas», proclamou para avogar pola defensa lexítima das ideas de cada quen «sen necesidade de caer na difamación que estamos vendo estes días no Partido Popular».
Neste sentido, atribuíu a actitude do PP nesta campaña ao seu «nerviosismo», convencida de que as enquisas «lles dan moito peor do que a nós nos pode parecer», e explicou que cando unha organización como o Partido Popular «ten que facer esa campaña é porque alguén premeu o botón do pánico na súa sede». «Fronte a isto, nós o que temos é ilusión, esperanza e ganas de mellorar a vida da xente deste País», concluíu.