Este luns 19 comeza a sexta edición de Tempo da Psicoloxía, un ciclo de faladoiros que organizan o Colexio de Psicoloxía e a Facultade de Psicoloxía da USC e que ao longo de catro días tratará o grave problema de saúde pública do suicidio a través de tres palestras e unha conferencia.
Estas xornadas están abertas a todo o público, son gratuítas e poden seguirse tanto de maneira presencial coma online. No caso da primeira opción, realizaranse na propia Facultade de Psicoloxía en Santiago de Compostela: o acceso é libre e non se necesita inscrición previa. Para poder seguilas por vía online, é preciso inscribirse no formulario que aparece na páxina web https://tempodapsicoloxia.gal/. Todas as palestras comezarán ás 18h e terán unha duración prevista dunha hora e media.
O luns, 19 de febreiro terá lugar a primeira das palestras «Previr e intervir: o papel do sistema de saúde», na que participarán José Eduardo Rodríguez Otero, psicólogo clínico da Unidade de prevención do suicidio da Área Sanitaria de Vigo; Flora Miranda Pena, médica de familia do SERGAS e Alejandro A. García Caballero, psiquiatra e coordinador de programas de prevención e promoción da saúde mental do SERGAS.
O martes 20, a temática central será «O ámbito comunitario, a base da prevención e apoio» contando coa colaboración de Daniel J. López Vega. Psicólogo, presidente de Papageno, asociación de profesionais en prevención e posvención do suicidio; Olalla Villaronga Seoane, psicóloga social; responsable da campaña de prevención do suicidio «Falamos?» de Andaina Pro Saúde Mental e María de Quesada, xornalista; presidenta da Asociación «La niña amarilla» (sobre prevención do suicidio desde o ámbito da comunicación) e autora do libro do mesmo título.
O mércores 21, o enfoque estará posto na «Atención á infancia e a adolescencia no contexto educativo», ao cargo de Carlos Álvarez García, psicólogo clínico e formador do programa YAM nos centros educativos galegos; Irene Marín Barca, Coordinadora de UNICEF Galicia e Manuela del Palacio García, psicóloga educativa e orientadora no IES San Tomé de Vigo.
E xa por último, o xoves 22, celebrarase a xornada de clausura da man cunha conferencia exclusiva para a comunidade académica de Luis Fernando López Martínez, psicólogo xeral sanitario, codirector de ISNISS do Programa de Doutoramento de Psicoloxía da Saúde da UNED e investigador de condutas autolesivas e suicidas en contornos dixitais.
As xornalistas María Piñeiro, Lara Salgado e Ana G. Liste serán as responsables de conducir os faladoiros nesta ocasión. Desde 2019, Tempo da Psicoloxía ofrece ao longo dunha semana un espazo para a reflexión e o debate desde a psicoloxía xunto con distintos axentes sociais que promoven o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.