A UDC organiza unha xornada de deporte inclusivo co RC Deportivo Genuine

por Redacción Deportes

O vindeiro xoves, día 22 de febreiro, a partir das 16:00 horas, a Área de Deportes da UDC organiza no Campus de Elviña unha xornada de deporte inclusivo en colaboración co Real Club Deportivo Genuine

O evento dará comezo ás 16:00 horas no salón de graos da Facultade de Ciencias da Educación, onde se levará a cabo unha presentación deste proxecto de deporte inclusivo, creado polo R.C. Deportivo da Coruña co obxectivo de fomentar a inclusión na sociedade.

Xa a partir das 17:15 horas, as persoas asistentes ao evento poderán participar xunto cos integrantes do R.C. Deportivo Genuine en diversos partidos de fútbol 8, en formato reducido, no estadio “Mariña Dourada”. A participación está limitada ás primeiras 25 persoas inscritas na xornada que soliciten xogar. O resto de inscritos asistirán como público. 

A xornada, que vai dirixida a toda a comunidade universitaria e tamén ao público en xeral, ten aberto o prazo de inscrición ata mañá, día 20 de febreiro, ás 23:59 horas. As horas de asistencia certificaranse a través da Unidade de Atención á Universidade (ADI) da UDC.

LaLiga Genuine

O R.C. Deportivo é un dos máis de 40 equipos que forman parte de LaLiga Genuine, un proxecto creado por LaLiga, nado en 2017, que une deporte e integración social, onde compiten equipos formados por persoas con discapacidade intelectual. O conxunto deportivista está formado coa colaboración coa Asociación Down Coruña, Aspronaga, Fundación Adcor, Aspaber, Aspanaes, Aspadisol e Fundación Abrente.

Máis información e inscricións na xornada en: Xornada de deporte inclusivo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario