A Academia Galega de Seguridade Pública impartirá as accións formativas, dirixidas aos servizos de extinción de incendios e salvamento, os Grupos de Emerxencias Supramunicipais e os servizos municipais de Protección Civil
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 17 cursos de formación continua destinados ao persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, aos Grupos de Emerxencias supramunicipais (GES) e os servizos municipais de Protección Civil. As accións formativas suman máis de 400 prazas e desenvolveranse ao longo do primeiro semestre do ano na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
A programación formativa suma máis de 400 horas lectivas e inclúe cursos en modalidade presencial, semipresencial e en liña. Trátase de formación práctica orientada ao labor que desenvolve de xeito cotiá o persoal dos distintos servizos de emerxencias, con contidos como rescate en ríos e inundacións, en ascensores, en espazos confinados, en aeroxeneradores ou na contorna urbana. Abórdanse tamén as intervencións con autoescaleiras, con risco eléctrico, con vehículos especiais ou en espazos confinados, así como investigación causal de incendios, dinámicas da extinción de lumes en interiores ou normativas e prevención de riscos de incendios e emerxencias, entre outras temáticas.
As persoas interesadas en inscribirse nos cursos deben presentar a solicitude a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal). O prazo para facelo é de 10 días naturais contados a partir de mañá.
A convocatoria forman parte da programación formativa deseñada pola Academia Galega de Seguridade Pública para este primeiro semestre do ano. Súmase así á publicada a semana pasada para persoal dos corpos e forzas de seguridade, con 59 cursos e máis de 1.700 prazas.
Centro formativo de referencia
A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas. Desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou arredor de 170.000 persoas.