A eurodeputada do BNG acusa aos populares de deixar tirado ao sector ao non empregar os recursos que chegan de Europa
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defende que o goberno galego empregue o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA 2021-2027) para prestar apoio ao sector marisqueiro que está atravesando un momento tremendamente delicado dada a mortalidade dos bivalvos. “Algúns fixeron moita promesa en campaña electoral, máis en lugar de utilizar os recursos existentes, deixan ás mariscadoras e mariscadores tirados durante meses sen facer nada”, denuncia.
Precisamente en resposta a unha pregunta parlamentar presentada pola eurodeputada galega dirixida á Comisión Europea sobre este problema, o propio Comisario de Pesca, Virginius Sinkevicius, manifesta que a Comisión “é consciente da situación do sector do marisco en Galiza e das súas preocupacións socioeconómicas”. Neste sentido, explica igualmente que o FEMPA 2021-2027 “ofrece apoio pola paralización temporal das actividades pesqueiras” e sinala que na súa calidade de pescadores a pé, os mariscadores tamén poden optar a este tipo de axudas, que poden concederse sempre que esta medida estea incluída no programa dun Estado membro no marco do FEMPA.
Na súa resposta, a Comisión indica que, en concreto, o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura “pode apoiar accións como mutualidades, instrumentos de seguros ou outros réximes colectivos que melloren a capacidade do sector para xestionar os riscos e responder a acontecementos adversos”.
Reunión co Comisario de Pesca
“É o BNG quen se preocupa polo sector, é o BNG quen pregunta á Comisión Europea que recursos existen para paliar as consecuencias das paralizacións e é o BNG quen está en contacto directo co sector do marisqueo”, destaca Ana Miranda, quen por outro lado critica que a Comisión asegure que non ten previsto modificar as condicións de subvencionabilidade establecidas no Regulamento del FEMPA para este tipo de axudas.
Ao respecto, a eurodeputada do Bloque, solicitou hoxe reunión urxente co Comisario sobre esta situación que afecta a tantas traballadoras e traballadores, xa que considera que no FEMPA non se está tendo en conta a específica situación do marisqueo para que inclúa as paradas temporais de forza maior, os dias de vixilancia, semente, rareos e limpezas que forman parte de actividade de marisqueo, xa que estas paradas deben de ter uns requisitos específicos. Segundo explica o propio sector marisqueiro, a mortaldade é causada polo exceso de auga doce provocada pola contaminación e o baleirado dos encoros por desbordamento, feito que fai que os sedimentos acaban no fondo das rías.
“Para evitar que esta actividade, nomeadamente feminina, desapareza, coa drástica redución de permisos de explotación, hai que adaptar as normas á realidade do mar, máis xa vemos como o Goberno galego a través da Consellería do Mar, fixo unicamente electoralismo, máis o problema persiste despois das eleccións e as promesas”, destaca Ana Miranda, quen expresou a “seguir dando resposta á preocupación do sector marisqueiro e seguir presentando iniciativas tanto en Galiza como en Madrid e Europa”.