“O Polígono Industrial do Corgo é unha infraestrutura estratéxica para fixar poboación, crear emprego e atraer empresas nun concello do interior galego” defende Rego.
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a situación de bloqueo absoluto que sofre a ampliación do Polígono Industrial do Corgo, provocada pola falta de acción tanto do Goberno do Estado como da Xunta de Galiza. O deputado do BNG, Néstor Rego, exixe que ambas administracións deixen de escudarse unha na outra e resolvan de inmediato os trámites pendentes que impiden o inicio das obras.
Durante a visita ao polígono do Corgo, o deputado nacionalista estivo acompañado pola portavoz municipal do BNG no concello lucense, Pilar Bellón Candal, así como outros cargos orgánicos do BNG na localidade.
“O Concello do Corgo leva anos agardando pola autorización para a extensión do cableado eléctrico necesario para a ampliación do polígono, tendo remitido toda a documentación esixida, incluídos compromisos expresos de execución e mantemento” explica Rego. “Agora, o Goberno central di que non pode conceder a autorización porque falta a declaración de utilidade pública por parte da Xunta, que leva meses sen emitila. Este bloqueo cruzado é inaceptábel” avanza o deputado do BNG no Congreso.
Ante esta situación, o nacionalista alerta de que esta parálise administrativa pon en risco investimentos chave, podería supoñer a caducidade de autorizacións xa concedidas e incluso a perda de subvencións públicas fundamentais para o proxecto. “A irresponsabilidade compartida entre o Ministerio de Transportes e a Xunta de Galiza está a prexudicar directamente ao tecido empresarial e ao futuro do concello” advirte Rego.
A formación denuncia que nin o Goberno do Estado nin a Xunta de Galiza están á altura das súas obrigas institucionais: “mentres o Ministerio leva case un ano sen responder ao último envío de documentación, agora apunta á Xunta como escusa para non actuar; pola súa parte, o Goberno galego, que é quen debe emitir a declaración de utilidade pública, mantense totalmente inoperante”.
Por este motivo, o BNG reclama que o Ministerio de Transportes resolva con urxencia o expediente e emita a autorización necesaria para o inicio das obras. “Do mesmo xeito, a Xunta de Galiza debe emitir de inmediato a declaración de utilidade pública que lle corresponde para non seguir freando o proxecto” subliña a frente nacionalista. Así mesmo, ambas administracións ten que coordinar as súas actuacións cun criterio de cooperación institucional e sen máis dilacións.
“O Polígono Industrial do Corgo é unha infraestrutura estratéxica para fixar poboación, crear emprego e atraer empresas nun concello do interior galego. Non se pode consentir que esta ampliación se vexa frustrada polo abandono institucional tanto do Estado como da Xunta” reivindica Rego.