No marco do proxecto europeo Iberifier, que acaba de renovar a súa concesión para o período 2024-2026, o equipo de Ciencias da Comunicación abordou as tendencias de verificación xornalística a través do estudo de catorce entidades atendendo a cuestións como o modelo de organización, a transparencia, os métodos ou a influencia da tecnoloxía
A verificación xornalística contribúe á mellora da calidade informativa e democrática. Neste senso, as sinerxías resultan cruciais para afrontar retos maiores; redes, proxectos e alianzas dan lugar a novas iniciativas que dan resposta á desinformación. Estas son algunhas das conclusións que se desprenden do informe sobre tendencias da verificación en España e Portugal, analizando os medios nativos de fact-checking así como as iniciativas dos medios de comunicación e das axencias de noticias. O grupo Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación coordinou este estudo no marco do proxecto europeo Iberifier que acaba de recibir a concesión da renovación para o período 2024-2026.
O grupo de investigación Novos Medios forma parte deste consorcio dende o seu inicio e continuará investigando no marco deste proxecto europeo, seguindo unha liña que varios investigadores puxeron en marcha a partir do ano 2016. Durante a primeira fase de Iberifier (2021-2024), formaron parte do equipo os profesores Xosé López García, Alba Silva Rodríguez, José Sixto García, Carlos Toural Bran e Jorge Vázquez Herrero; na nova fase (2024-2026) incorpóranse ao equipo sete persoas máis.
O informe sobre tendencias da verificación en España e Portugal, coordinado por Novos Medios, abarcou catorce entidades analizadas atendendo a cuestións como o modelo de organización, a transparencia, os métodos ou a influencia da tecnoloxía. O estudo destes casos completouse con entrevistas cos profesionais das organizacións. Entre as tendencias identificadas a análise evidencia que “a alfabetización mediática e informacional é unha das chaves para acadar unha sociedade formada e así adiantarse ao problema”, apuntan dende Novos Medios. Neste panorama, a tecnoloxía emerxe como “aliada e ameaza, sendo a IA xerativa o principal desafío dende este momento”.
O observatorio Iberifier, coordinado pola Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra, atópase integrado por máis de 70 investigadores e xornalistas dunha vintena de organizacións. Dende o seu nacemento, o observatorio verificou miles de loiadas, impulsou decenas de actividades formativas e investigou o fenómeno e as tendencias da desinformación. O consorcio forma parte da rede de observatorios de medios dixitais e desinformación promovidos pola Comisión Europea e coordinados por EDMO (European Digital Media Observatory).
Completado o primeiro trienio, a Comisión anunciou a continuidade do consorcio durante outros tres anos, ata 2026, cun financiamento adicional de 1,27 millóns de euros. Nesta segunda etapa, o consorcio no que participa a USC amplía o seu número de socios a 25, sumando novas axencias verificadoras e reforzando as súas capacidades de investigación tecnolóxica. Un dos obxectivos desta nova etapa é estender a análise dos fenómenos de desinformación ao conxunto dos países hispanos e lusófonos.
Na súa primeira etapa, o observatorio Iberifier centrouse en cinco liñas de traballo: a investigación de características e tendencias do ecosistema ibérico dos medios dixitais; o desenvolvemento de tecnoloxías computacionais para a detección temperá da desinformación; a verificación de desinformación no territorio ibérico e o seu posterior reporte á Comisión Europea; a preparación de informes estratéxicos sobre as ameazas da desinformación, e as actividades de alfabetización mediática. Precisamente, a sensibilización e formación da cidadanía ao redor da desinformación é unha das áreas que o observatorio pretende potenciar a partir de 2024.
Con máis dunha decena de informes e guías de boas prácticas, o equipo de Iberifier analizou o fenómeno da desinformación desde numerosas perspectivas. Algunhas delas son os patróns de consumo de desinformación na sociedade ibérica, o impacto das loiadas en aspectos sociais, políticos e económicos en España ou Portugal, ou as ferramentas tecnolóxicas que facilitan a detección de loias e a verificación de información. Todo iso ademais acompañado dun rastrexo exhaustivo dos medios dixitais españois e lusos que constitúe a primeira ferramenta dixital destas características no mundo.
Consorcio
Na súa primeira etapa, Iberifier estivo formado por 23 institucións en España e Portugal: doce universidades, cinco axencias de verificación e seis centros de investigación multidisciplinar. Na nova fase do consorcio súmanse o medio nativo dixital español Newtral, así como o Instituto Politécnico de Viseu e o Laboratorio de Instrumentación e Física Experimental de Partículas (LIP) de Portugal.
De feito, en colaboración con Newtral, estudantado da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC realizou o seguimento en directo e verificou as declaracións dos representantes políticos que participaron nos debates electorais previos ás eleccións autonómicas galegas. Un grupo de 34 estudantes do grao en Xornalismo e dobre grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual, acompañados por cinco docentes do centro, seguiron en directo os debates e verificaron declaracións dos representantes políticos, logo de identificar as afirmacións factuais pronunciadas polas persoas candidatas.
O equipo de Novos Medios publicou parte dos resultados do seu traballo na revista Journalism Practice, alén de participar en congresos internacionais e incorporar contidos e actividades relacionadas co proxecto no plan de estudos do Grao en Xornalismo e do mestrado en Xornalismo e Comunicación Multimedia.