Unha investigación liderada pola Universidade da Coruña propón políticas para a transición enerxética de 13 rexións europeas con altas emisións de CO2 

por Redacción A Coruña

Esta mañá tivo lugar na sala de prensa da Reitoría da Universidade da Coruña a presentación do proxecto europeo ENTRANCES (ENergy TRANsitions from Coal and Carbon:Effects os Societies). O acto foi presidido polo vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas Agudo, e contou coa participación de Ricardo García Mira, catedrático da Área de Psicoloxía Social da UDC, coordinador do Consorcio e investigador principal do proxecto asociado ao CITEEC; Fernando González Laxe, profesor Emérito da UDC e investigador do proxecto; Nachatter Singh Kaur, investigador asociado do proxecto; e Cristina García Fontán, profesora Titular da UDC e coordinadora do Grupo de Investigación Persoa-Ambiente.

Jerónimo Puertas abriu o acto lembrando que “as tres actividades principais dunha universidade son a docencia, a investigación e a transferencia, e que as tres deben potenciarse, posto a financiación que se consiga vai depender do ben que estas tres actividades se leven a cabo”. O Sistema Universitario de Galicia é un sistema competitivo, no que a UDC compite coas outras dúas universidades públicas para a captación de recursos e o maior desenvolvemento da institución. O vicerreitor recalcou que “os proxectos financiados pola UE son os de maior impacto e categoría, e o profesor García Mira é pioneiro na consecución de recursos por esta vía”.

Pola súa banda, García Mira expuxo que “camiñar por Europa é complicado e para iso precísanse axudas para poder competir, e iso pasa tamén por ofrecer salarios competitivos que permitan contratar persoal investigador competente”.

O catedrático da UDC sinalou que este proxecto “supón a resposta da Universidade da Coruña e, especificamente do Grupo de Investigación Persoa-Ambiente, á convocatoria H2020 da Comisión Europea sobre a transición a enerxías limpas”. O Proxecto, segundo explica o experto, “tivo como obxectivo desenvolver máis entendemento sobre as cuestións transversais relacionadas cos aspectos sociais e humanos da transición cara a estas enerxías nas rexións de minería do carbón europea e nas rexións de alta produción de emisións de CO2. Así mesmo, aborda os desafíos que afrontan estas rexións, tendo en conta o momento do proceso no que se atopaba cada rexión e as perspectivas multidimensionais que involucran a diferentes actores clave a nivel rexional, nacional e europeo”.

Fernando González Laxe, profesor Emérito da UDC destacou as tres características que debe ter un investigador, que son “sensibilidade co que acontece, compromiso co estudo do próximo e do común e unha formación adecuada”. “Os bos resultados deste proxecto -sinala- , son grazas ao conxunto de bos investigadores que permitiron formar un equipo comprometido e capaz de traballar de xeito coordinado co resto de persoas que asumiron o estudo das diferentes rexións europeas”.

Pola súa banda, o investigador posdoutoral contratado Nachatter Singh Kaur, líder do paquete de traballo de “Coprodución de coñecemento e recomendacións políticas” amosouse “moi contento cos resultados da investigación en tanto que cumpriu con todos os obxectivos marcados ao inicio da mesma, malia o parón de seis meses provocado pola pandemia”.

Explicou que no estudo seleccionáronse 13 diferentes rexións da UE, seis delas con minería e outras 7 con industrias de elevada emisións de carbón, as cales se atopaban en diferentes fases so proceso de descarbonización.

Coa axuda dun marco analítico multidimensional, o proxecto explorou os factores sociais, económicos, culturais, políticos, psicolóxicos, ecolóxicos e tecnolóxicos que inflúen nos procesos de descarbonización e transición enerxética nestas rexións. Identificouse o conxunto de cambios que ocorren nos diversos lugares debido ás políticas de descarbonización, os retos que expoñen estes cambios e as estratexias de afrontamento adoptadas para mitigar os impactos adversos, e desenvolveuse unha taxonomía de retos e estratexias para facer unha comparación de todas as zonas incluídas no estudo.

O proxecto produciu escenarios socioeconómicos e de capacidade transformadora para todos as rexións en transición, que explicaron as posibles perspectivas futuras para estas. Estes escenarios foron coproducidos con distintos participantes interesados de todas as rexións e logo validados nas reunións rexionais de cocreación.

A investigación tamén se centrou na dimensión de xénero da transición enerxética e produciu un informe detallado sobre os impactos das políticas de descarbonización no empoderamento das mulleres e a súa implicación e participación no proceso de transición.

Dado que o territorio seguiu sendo un compoñente importante do proxecto, os investigadores tamén se centraron nos procesos de desterritorialización e reterritorialización. Centrouse na relación cambiante entre a xente e o territorio e como afectou ás perspectivas futuras destas rexións. Concluíu que a maioría afrontan un rápido proceso de desconexión entre a comunidade e os territorios.

Finalmente, o proxecto creou un marco integrado para a coprodución de coñecemento que permitiu a creación de coñecemento que podería usarse en situacións do mundo real, axudou a desenvolver capacidades rexionais e a desenvolver espazos para a interacción entre cidadáns, empresas e actores gubernamentais que poderían servir como lugares para a configuración conxunta das políticas de descarbonización e transición enerxética. Axudou aos investigadores para formular políticas e recomendacións prácticas para a reactivación socioeconómica destas rexións.

Xa para rematar, Cristina García Fontán, coordinadora de Grupo de Investigación Persoa-Ambiente destacou a figura do docente Ricardo García Mira e a súa traxectoria como parte do éxito deste proxecto, resaltando a importancia das persoas como centro das políticas,  

Anunciou que no Grupo de Investigación están a traballar noutros proxectos de ciencias sociais, onde promoven outras liñas de investigación como a problemática das persoas refuxiadas, novas solucións de vivendas, o cambio climático, etc.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario