A UDC contribúe a acadar o reto de 10.000 doazóns de sangue polo Día das Universidades Saudables

por Redacción A Coruña

A UDC contará coa unidade móbil de Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue o vindeiro día 27 de febreiro no Campus de Oza e o 28, no Campus de Elviña, nunha nova campaña de doazón.

A Universidade da Coruña sumouse o pasado mes de outubro ao reto da Rede Española de Universidades Promotoras de Saúde (REUPS), no que pretendían acadar as 10.000 doazóns de sangue na campaña realizada polo Día das Universidades Saudables 2023, celebrado o 5 de outubro.

A REUPS acaba de comunicar que, por segundo ano consecutivo, volveron acadar este reto. A cifra de doazóns efectivas realizadas esta edición foi de 10.330 en 32 universidades: Universidade Camilo José Cela, Universidade Carlos III de Madrid, Universidade de Alcalá, Universidade de Alacante, Universidade de Almería, Universidade de Burgos, Universidade de Cádiz, Universidade de Cantabria, Universidade de Córdoba, Universidade de Granada, Universidade de Huelva, Universidade de Xaén, Universidade de la Laguna, Universidade da Rioxa, Universidade das Palmas de Gran Canaria, Universidade de León, Universidade de Murcia, Universidade de Oviedo, Universidade de Salamanca, Universidade de Sevilla, Universidade de Zaragoza, Universidade do País Vasco, Universidade Francisco de Vitoria, Universidade Miguel Hernández de Elxe, Universidade Pontificia Comillas, Universidade Rey Juan Carlos, Universidade da Coruña, Universitat de Girona, Universitat de les Illes Balears, Universitat de València, Universitat Jaume I e Universitat Politècnica de València.

Tendo en conta que unha única doazón de sangue pode axudar ata a tres persoas, o reto conseguido por estas universidades da REUPS podería chegar a salvar ata 30.990 vidas.

Durante o reto animáronse a doar sangue por primeira vez máis de 3.500 persoas, cifra que pon de manifesto o importante labor de concienciación das campañas de doazón de sangue nas universidades.

A REUPS e a UDC agradecen a todas as persoas que participaron nesta iniciativa, contribuíndo e axudando a salvar vidas.

Ademais, a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue ten xa novas datas para que as persoas que forman parte da comunidade UDC poidan realizar as súas doazóns. Será o vindeiro martes, día 27 de febreiro, no Campus de Oza; e o mércores, 28 de febreiro, no Campus de Elviña; nos dous casos en horario de 9:30 a 14:30 e de 15:30 a 21.00 horas. 

No Campus de Oza a unidade móbil de doazón estará situada na entrada principal, mentres que en Elviña estará instalada nas proximidades da rotonda das Facultades de Socioloxía e Ciencias da Comunicación. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario