Os concelleiros do Grupo Municipal Popular ofreceron esta mañá unha rolda de prensa sobre a modificación da ordenanza de tráfico no relativo aos accesos a zonas peonís, que se aprobará no pleno do luns
Se non hai novidades, no pleno do luns o equipo de goberno de José Tomé aprobará definitivamente a modificación da ordenanza de tráfico no relativo as entradas de vehículos nas zonas peonís, “pese ás numerosas queixas que está producir entre a veciñanza de Monforte, especialmente entre os autónomos e comerciantes”.
A voceira popular, Katy Varela, acompañada dos concelleiros do Grupo Municipal Popular ofreceron esta mañá unha rolda de prensa trala celebración da comisión previa ao pleno.
“Lamentablemente, o equipo de Tomé desestimou as nosas alegacións para tentar flexibilizar esta modificación e dar facilidades ao traballo de autónomos e comerciantes”, explicou Katy Varela.
Baixo o seu punto de vista, “José Tomé está a equivocarse” ao negarse a flexibilizar estas modificacións da ordenanza
Entre as alegacións que se presentaron dende o PP de Monforte estaban:
- A eliminación das franxas horarias para a entrada de residentes, comerciantes da zona e autónomos. Non poden estar limitada a súa actividade a cinco horas o día.
- Autorizar á entrada aos residentes da zona que, sen ter unha praza de garaxe, puideran acceder co seu vehículo para labores de carga ou descarga.
- Implantar unha aplicación móbil de control de entrada e saída, para evitar posibles fraudes ou excesos.
COIDAR O CASCO HISTÓRICO
Dende o PP de Monforte ven necesario coidar todos os barrios da cidade, pero “especialmente o casco histórico”. Katy Varela explica que entre estas limitacións que vai a aprobar José Tomé e a implantación das cámaras de vixilancia “moito nos tememos que se danará gravemente aos negocios ao poñerlles tantas dificultades para realizar a súa actividade profesional”.
“Sempre estaremos ao carón dos veciños de Monforte defendendo as súas reclamacións, sempre que sexan lexítimas, e consideramos que neste caso o son”, sentenciou Katy Varela.
Neste senso, o Grupo Municipal Popular defenderá no pleno do luns unha moción para que o Concello de Monforte poña en marcha un plan de actuación para o embelecemento urbanístico da cidade. “Vemos como cada vez hai máis casas abandonadas que, ademais de afear a cidade, supoñen un risco para a seguridade”, sinalou.
“Para gobernar calquera cidade é imprescindible ter un modelo de cidade claro e Tomé non o ten. Con medidas como a que vai a aprobar o luns deixa claro que a súa única preocupación e recadar cartos dos petos dos monfortinos, danando a actividade económica da cidade e provocando a moitos autónomos a ter que pechar os seus negocios”, asegurou.
RETROACTIVIDADE DAS SANCIÓNS
Katy Varela tamén realizou un apunte sobre a retroactividade das sancións, facendo referencia a un informe do secretario do Concello de Monforte.
No seu informe, o secretario afirmou o seguinte:
A aplicación da retroactividade da disposición máis favorable non se produce só cando se modifique a norma legal que tipifica a infracción senón tamén naqueles supostos, como o que nos ocupa, en que se modifique a disposición de desenvolvemento, en concreto a Ordenanza municipal de tráfico, na que se especifican os comportamentos infractores e as sancións con que se sanciona, no exercicio das competencias que son inherentes ao Concello de Monforte, de conformidade co disposto no art. 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
A redacción imperativa do art. 26 da Lei 40/2015 (LRJSP), cando sinala que “as disposicións sancionadoras producirán efectos retroactivos na medida en que favorezan ao presunto infractor”, non deixa dúbida de que é directamente aplicable.
6º.- En canto aos expedientes que resulten afectados, por aplicación do disposto no art. 26 da LRJSP, de referencia continuada, afectaría aos expedientes en tramitación e a aqueles nos que se impuxo unha sanción que estea pendente de cumprir na data de entrada en vigor da modificación, cuxa aprobación se propón ao Pleno.
“Queda claro que dende o PP de Monforte tiñamos razón cando insistimos na retroactividade das sancións, polo que instamos a José Tomé o propio Concello de Monforte comece de motu propio a estudar todas as sancións impostas e que poden acollerse a este extremo”, finalizou.