Dioivo lanza o novo videoclip “Ata o final”

por Redacción Vigo

Será presentado en directo mañá venres en Pontevedra

O dúo vigués de metal en galego Dioivo acaba de lanzar un novo videoclip para o seu tema «Ata o final», pertencente ao seu último álbum Cara os Ceios Incrementes. A banda presentará oficialmente o tema do videoclip mañá venres día 23 de febreiro nun concerto no Tronko Bar de Pontevedra. Este local ubicado na zona de Pontemuíños é descrito polo grupo como «un clásico da escena que xa podemos considerar unha segunda casa para nós», despois de ter tocado nel noutras catro ocasións dende 2018.

Este concerto de presentación do videoclip comezará ás 20:30, e nel, os vigueses estarán acompañados pola banda pontevedresa de death/grind Ultraxe e pola banda portuguesa de death/thrash Hunted Scriptum, procedente de Braga. A entrada será con billeteira inversa, podendo cada asistente ao evento decidir a cantidade que aporta para apoiar aos grupos mentres presencia as actuacións. Ao ser o 23 de decembro o Día de Rosalía, no que se conmemora o nacemento de Rosalía de Castro nesta data de 1837, o grupo interpretará así mesmo o seu tema «Sempre pola morte esperas», co que adaptaron o poema homónimo da autora. O evento conta co apoio dos programas de radio Galiza Metálica e SOS Heavy Metal Radio Show, e o cartel do mesmo foi realizado pola artista Darcy Maestu Ham.

O directo no Tronko Bar dará comezo a unha mini xira de Dioivo ao longo do resto da fin de semana, que os levará tamén por dúas cidades portuguesas. A seguinte parada será na Associaçao Neverlate da cidade lusa de Covilhã o sábado día 24 ás 22:00, cun prezo de 6€ para membros da asociación, 8€ para público xeral. E o domingo 25 a partir das 18:00 estará no Rock Star Pub de Braga, con entrada libre. En ambos casos estarán acompañados da banda bracarense de crossover thrash Rei Vadio.

O videoclip de «Ata o final» foi gravado no último concerto do grupo no Pub Transylvania de Vigo o pasado 23 de decembro, no que presentaron na súa cidade natal o álbum Cara os Ceios Incrementes. Ante un público entregado que ateigou a sala ata colgar o cartel de entradas esgotadas, mercando as 150 que permite o aforo do local, o dúo vigués interpretou os temas do disco xunto a numerosas colaboradoras e colaboradores da escena da cidade que fan tamén a súa aparición no vídeo. A peza audiovisual foi froito do traballo de Marko Otero na gravación e de Adrián Porima na edición, logrando un resultado que dende Dioivo definen como «espectacular, conseguindo recoller á perfección o ambiente e as sensacións dun concerto que para nós foi inesquecible». «Estamos moi agradecidos con ambos polo seu labor», recalcan.

Xunto aos membros de Dioivo e das bandas que compartiron escenario con eles naquela noite, o trío vigués Karracho e o cuarteto segoviano Mortal Maze, aparecen ao longo dos case 5 minutos de vídeo os membros de diversas bandas destacadas da zona. Concretamente, Aida de Her Anxiety, Jorge de Her Anxiety e Mileth, Belize Martínez, Dany de Atreides e Lardelúa, Soto de Ardora, Aarón de Lapsus Mentis, Fabio de Infrahumano e Ghandi Boxing Club e David de Sulf-Atär. Artistas de diferentes estilos que colaboraron co dúo vigués na voz, na guitarra ou no baixo para darlle un toque diferente ás cancións do seu repertorio, e que ao final do evento subiron de novo conxuntamente ao escenario para pechar a noite por todo o alto, como se pode ver na parte final do videoclip. Dioivo quixo así mesmo dar as grazas «a Adriana Goretti e a Lain Romasanta por facer as fotos daquela noite, a Roberto Fontán por ser o técnico de son e a todo o persoal do Transylvania pola marabillosa acollida que nos dan sempre».

«Ata o final» é o quinto videoclip lanzado pola banda para promocionar as cancións de Cara os Ceios Incrementes. Chega despois da saída no pasado mes de xullo de «Que importa que nos craven as cadeas», dirixido por Emilia Vidal-Hallett, no que os vigueses renderon homenaxe ao falecido escritor lucense Darío Xohán Cabana e ó seu poema homónimo. Tamén lanzaron videoclips para outras adaptacións literarias, como o de «Hai sede na Nova Galicia» de Florencio Delgado Gurriarán, realizado por YOD Multimedia, e o de «Retorno a Tagen Ata» de Xosé Luís Méndez Ferrín, realizado por Brais Gómez Salvador e que conta coa participación do propio autor.

Brais Gómez Salvador foi o encargado así mesmo de dirixir o videoclip do tema «Cabeiros», e tamén o de «Por 100 anos máis», un sinxelo lanzado posteriormente ao álbum no que a banda viguesa homenaxeou ao Celta de Vigo con motivo do 100 aniversario do club. Tanto o vídeo de «Ata o final» como o resto dos traballos mencionados poden visualizarse na canle de YouTube do grupo, chamada @dioivo_metal, así como escoitarse nas demais plataformas dixitais de música.

O álbum Cara os Ceios Incrementes foi lanzado o pasado día 9 de xuño de 2023 en CD pola discográfica independente grega especializada en música metal Sleaszy Rider Records. Foi gravado, mesturado e masterizado en Vigo por Dany Soengas de Atreides, que tamén participou como colaborador no último concerto. É o segundo álbum completo do grupo formado en 2016, despois de Dioivo II (2019), e o seu cuarto traballo de estudio contando os EPs Dioivo I (2016) e Dioivo III (2021). Estes traballos anteriores foron lanzados polo selo especializado estatal Darkwoods. Dende os seus inicios, Dioivo está conformado por Daniel Valladares Otero na batería e Jacobo Mouriño Almeida na voz e na guitarra.

«Ata o final» é o tema número 8 de Cara os Ceios Incrementes, unha canción rápida que entronca co estilo thrash metal da banda predecesora de Dioivo, Rust in Peace, formada en 2011 e disolta en 2016, e de cuxo repertorio chegou formar parte. «Estamos preparando máis sorpresas relacionadas con esta anterior etapa, que lembramos con moito agarimo, e agardamos poder contarvos máis sobre elas moi proximamente», sinalan dende a banda viguesa.

Ao rematar a minixira de presentación de «Ata o final» desta fin de semana, Dioivo comezará a preparar o resto de datas que xa ten confirmadas para este ano 2024. O 2 de marzo tocarán no Ecos da Cabana da parroquia tomiñesa de Tebra, o 6 de abril na viguesa Sala Kominsky, e o 8 de xuño na asociación cultural barcelonesa Los Trecers, entre outras datas que aínda están por anunciar. Estes concertos sumaranse aos xa realizados pola banda para presentar Cara os Ceios Incrementes, un disco que xa levaron no pasado ano 2023 pola Coruña, Sarria, Salceda de Caselas, Palma, Madrid e Vigo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario