O PP esixe a PSOE e BNG que tras 13 anos poñan en marcha o sistema de recirculación de auga depurada para o baldeo de rúas, rega de xardíns e industrias en Lugo

por Redacción Lugo

Antonio Ameijide explica que o Concello de Lugo leva anos malgastando auga potable nestes e outros servizos nos que non é necesaria, xa que neste tipo de traballos podería empregarse auga reciclada ou recirculada e reservar a potable para o consumo humano

Tras coñecer que o Concello de Lugo formará parte do proxecto I-Rewater, co que aportará auga rexenerada do Ciclo da Auga para enviala, posteriormente, a zonas de secaño para a rega, dende o Grupo Municipal do PP recórdanlle á alcaldesa que o propio concello leva anos “malgastando recursos” xa que se emprega auga potable para a regar de xardíns ou baldeo de rúas, entre outros, traballos nos que se pode empregar auga depurada.

O concelleiro popular Antonio Ameijide recorda que nos últimos anos pedimos en numerosas ocasións que se empregase auga depurada para traballos nos que se pode empregar, ademais de pedir a posta en funcionamento do sistema de recirculación da auga da depuradora para garantir o caudal ecolóxico de Miño, “algo ao que o seu goberno sempre se negou”.

Antonio Ameijide afirma que “parécenos ben o proxecto, pero vemos o profundo descoñecemento da alcaldesa do que ten entre mans e dos medios do concello”, xa que Lugo con cun sistema punteiro de recirculación da auga dende hai máis dunha década, que custou millóns de euros e que nunca se puxo en marcha.

“Claro que está ben levar a auga onde se necesita”, explicou, ao que engade que “tampouco estaría mal dar exemplo e usala en Lugo, onde se emprega auga potable para baldeo de rúas, rega de xardíns…”.

Con este sistema, que se comezou a instalar en Lugo no ano 2008, o municipio daría un dos mellores exemplos posibles “regulando o uso da auga potable para uso humano, deixando a auga depurada para outros fins como a rega, o baldeo das rúas ou mellorar a imaxe do río devolvendo a auga río arriba”. “Temos un sistema punteiro apagado porque non queren premer o botón de acendido”, sentenciou.

O popular afirma que pese a que “hoxe en Lugo está a chover” a realidade é que nos últimos anos vimos como a calor e as poucas chuvias do verán pasaron factura ao caudal do río Miño, polo que insistimos na posta en marcha deste sistema, “xa que sempre nos atopamos coa negativa de PSOE e BNG”.

No Concello de Lugo, a potabilizadora de auga recolle auga do río nun punto en concreto, facilitando o seu uso para as persoas, mentres que a depuradora está río abaixo, onde se trata a auga para que poida volver ao río en boas condicións.

O Concello de Lugo ten instalado un sistema de bombeo de auga para que a auga depurada poida volver ao río nun punto superior ao que o fai agora, preto da zona de captación, para que o caudal sexa regular durante un percorrido maior e durante todo o ano, “un sistema que agora se pode poñer en funcionamento para devolver a auga depurada xusto despois da captación e así garantir un caudal ecolóxico, e que nunca se puxo en marcha por desidia e capricho de PSOE e BNG.

A canalización cara a antiga potabilizadora realízase por unha tubaria que percorre o río pola marxe dereita do mesmo e que o cruza nas inmediacións da antiga estación de tratamento. Un sistema que está listo dende o ano 2011, pero que aínda non se puxo en marcha.

Neste senso, Ameijide “ve curioso” que agora a alcaldesa “amósese preocupada” por mellorar o uso da auga depurada “cando levan máis dunha década malgastando auga potable”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario