Rubén Arroxo: “Traballamos para que as rúas conten con zonas de sombra que permitan mellorar a sensación térmica ao andar pola rúa”

por Redacción Lugo

“As altas temperaturas rexistradas nos últimos anos fan necesario dar un paso adiante e poñer en marcha políticas que traten de frear o cambio climático”

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo explicou que nas vindeiras actuacións na vía pública, o Goberno traballará para «crear zonas de sombra en todos os barrios, garantindo que nas xornadas máis calurosas do verán a temperatura nas rúas sexa agradable». Rubén Arroxo explicou que o obxectivo da Tenencia de Alcaldía é de plantar «máis de 500 árbores na vía pública, mellorando a sensación térmica ao andar pola rúa e convertendo á cidade nun gran pulmón verde»

«A situación climática require de accións importantes a nivel global, mais é preciso tamén traballar a pequena escala desde os concellos e cada persoa de xeito individual para tratar de reducir as consecuencias que xa estamos a ver», afirmou Rubén Arroxo, que engadiu «estamos afrontando os días máis calurosos do verán, unha xornada na que se moitas veciñas e veciños desfutan das zonas de sombra que xa se habilitaron nos últimos anos».

«Rúas como a zona peonil de Camiño Real, Gallego Tato ou Aquilino Iglesia Alvariño son o exemplo de que se poden crear zonas de sombra no tecido urbano, garantindo o benestar das veciñas e veciños», explicou Arroxo, que fixo balance das actuacións realizadas no último mandato, con máis de 200 novas árbores plantadas no tecido urbano. As novas rúas con máis masa arbórea son a praza da Mosqueira, con 20 novas árbores, Lamas de Prado con 40 e Aquilino Iglesia Alvariño e Gallego Tato con 30 árbores en cada unha. No resto de zonas renovadas polo Goberno de Lugo tamén se aumentou a cantidade de árbores, plantando 6 no treito final de Camiño Real e no novo treito de mediana de Fontiñas, 8 no cruce das rúas Río Sil e Conde e en Quiroga Ballesteros, ou dúas na praza do Sagrado Corazón, «onde non se puideron colocar máis debido á situación da propia praza», explicou Arroxo.

Á hora de renovar as rúas da cidade, a Tenencia de Alcaldía busca sempre garantir un mellor acondicionamento ambiental, habilitando sempre que é posible novas verdes con árbores e arbustos, «avanzando para que Lugo sexa cidade deseñada para o desfrute das persoas», explicou Arroxo, que engadiu «agardamos que o resto de administracións aposten tamén polo aumento de zonas verdes ao planificar actuacións en Lugo».

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario