O Ineltrón Santo Domingo Betanzos recibe a Costa Ártabra

por Redacción Deportes

Primeira visita dos ferroláns na fase definitiva da liga

A Primeira División non para. Logo da vitoria en Allariz por 69-82, o Santo Domingo Betanzos recibe no Carregal ao conxunto ferrolán do Costa Ártabra, no que será o primeiro enfrontamento entre ambos os dous equipos na Fase A1 da liga (con anterioridade víronse as caras no Grupo Norte). Malia que os precedentes son favorables para o equipo de Antonio “Doc”, que gañou tanto en Betanzos coma en Ferrol esta temporada, o certo é que os de Francisco Javier Rodríguez sempre poñen as cousas difíciles nas súas visitas ao Carregal e que a necesidade de non perderen de vista os catro primeiros postos do grupo halles servir como estímulo para mellorar ese enganoso 1-2 co que acoden á capital das Mariñas. E se dicimos “enganoso” é porque as dúas derrotas sofridas (fronte a Noia e a Cambre) foron tan só por un único punto.

No que toca aos locais, o 3-0 actual sitúaos na primeira praza dun grupo no que, porén, se pode pagar ben caro o máis mínimo despiste. Dado o interese do partido, dende o club betanceiro auguran unha boa entrada no pavillón municipal. A cita, o domingo 25 ás 17h.

“Derbies” contra Golfiños Sada, viaxe á Estrada e visita de Xinzo

Polo que respecta a outras citas do club, a fin de semana destaca pola programación de varios duelos comarcais contra Golfiños Sada (en minibasquet, premini e júnior), a viaxe á Estrada do sénior feminino para enfrontarse ao equipo desta vila e a visita do Xinzo ao equipo B sénior masculino, que debe empezar a sumar se quere evitar o descenso. Os infantís masculino xogan en Cambre e o feminino e o preinfantil en casa (contra Compañía de María e Culleredo, respectivamente). La Goleta, o sénior de 3ª, recibe o domingo á maña ao Maristas.

Horarios 24-25 de Febreiro

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario