Tres empresas optan ás obras de rehabilitación da Casa do Concello da Laracha

por Redacción A Coruña

O Comité de Expertos que valorará as propostas técnicas estará formado por profesionais das principais administracións e de representantes das entidades culturais e deportivas con máis asociados

A Mesa de Contratación reuniuse para proceder á cualificación técnica das ofertas presentadas ao procedemento de contratación da redacción do proxecto e a dirección de obra da rehabilitación do edificio da Casa do Concello, que presenta un orzamento de 98.859,92 euros.

Dado que se trata dun proxecto de especial relevancia ao tratarse dun dos edificios máis emblemáticos do municipio, desde o Concello promoveuse desde o inicio a participación cidadá real e efectiva mediante unha consulta popular coa fin de recoller ideas e opinións que mellorasen a intervención final. 

Nese sentido, tamén se acordou crear un Comité de Expertos encargado da selección do proxecto entre as tres candidaturas que concorreron ao procedemento. A Mesa de Contratación propuxo que estea formado por técnicos especializados das principais administracións, con representación da administración central (a través da Demarcación da Costas de Galicia), Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades), da Deputación da Coruña e do Concello da Coruña. Ademais, en representacion do tecido asociativo e deportivo municipal, contarase con membros das directivas das dúas entidades do concello da Laracha que presentan un maior número de asociados: a Asociación Cultural Santa María de Torás e a Unión Deportiva Paiosaco.

Os próximos pasos do procedemento de contratación serán a valoración das tres propostas técnicas por parte do Comité de Expertos e, a continuación, xa a cargo da Mesa de Contratación, a apertura de plicas e valoración das ofertas económicas.

Cabe lembrar que o orzamento inicial previsto para a execución do proxecto de rehabilitación da Casa do Concello ascende a 1.250.000 euros, contándose para o seu cofinanciamento cunha achega de máis de 700.000 euros procedentes dos fondos Next Generation da Unión Europea ao abeiro da convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública.

A Casa do Concello da Laracha construíuse no ano 1974 e en 1989 foi obxecto da reforma coa que se aumentou o segundo andar e os espazos do baixo cuberta. Agora, medio século despois da inauguración, o edificio require dunha rehabilitación integral que adecúe as instalacións para modernizalas, facelas máis eficientes no aspecto enerxético e integralas mellor na Praza do Concello.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario