A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia reúnese co Centro Internacional de Acollida ao Peregrino

por Redacción Galicia

Analizaron como mellorar o autoselado das credenciais e como axilizar a recepción da Compostela, especialmente nas peregrinacións en grupo

A presidenta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Teresa Villaverde, acompañada do técnico Sebastián Valverde e do párroco de Noia, Don José Ortoño Fuentes, reuniuse co equipo de delegados designados polo Cabildo da Catedral de Santiago para a xestión das peregrinacións, Daniel Lorenzo e Noelia Márquez.

A reunión foi solicitada para tratar diferentes aspectos operativos e de organización sobre o Camiño da Ría de Muros Noia. O primeiro tema a estudar foi o procedemento de autoselado para a credencial, que se realiza en formato papel e está xa presente nesta ruta xacobea, pero que precisa dalgunhas adaptacións para desenvolver e facilitar a súa implantación.

A continuación analizáronse as peregrinacións colectivas, moi destacadas na Ría de Muros Noia, sobre todo as marítimas. Unhas peregrinacións que, tal e como explicaron os responsables da Oficina do Peregrino, deberán seguir os modelos implementados desde hai anos para os grupos. Un sistema que axiliza a obtención da Compostela e garante que todos as persoas integrantes do grupo poidan recibila de forma áxil e cómoda.

Continuando coas peregrinacións marítimas, unha variante de especial importancia no Camiño da Ría de Muros Noia, os delegados do Cabildo da Catedral de Santiago confirmaron que o criterio para recibir a Compostela é ter navegado 90 millas náuticas como distancia mínima, tal e como figura na credencial que emite a Catedral para acreditar as distintas etapas. Unha navegación que deberá realizarse en embarcacións a vela.

Agradecemento polo apoio

Durante a reunión, Teresa Villaverde agradeceulle a Daniel Lorenzo o recoñecemento, o amparo e o apoio recibido polo Camiño da Ría de Muros Noia tanto por parte do Arcebispo, como da Catedral de Santiago e dos responsables da Oficina del Peregrino, “que desde que recibiron o estudo de historicidade do Camiño, amosaron o seu interese por esta ruta e nos ofreceron a súa colaboración”.

O encontro, celebrado en Santiago de Compostela, transcorreu coa máxima cordialidade e finalizou co desexo expresado por Teresa Villaverde para que o Camiño da Ría de Muros Noia reciba pronto tamén o respaldo oficial da Xunta de Galicia. Os responsables do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino animaron á Asociación para que os seus traballos produzan os froitos que desexan. 

A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia está composta por Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario