.
Alternativa dos Veciños denuncia que os recortes e precariedade imposta no sistema sanitario público de Galicia polo Goberno autonómico, están a provocar graves carencias na atención e na prestación deste servizo público. Nin os nosos nenos e nenas están a librarse das gravísimas carencias de recursos técnicos e principalmente humanos.
“Debemos ter en conta, que a hoxe, os centros de saúde de Vilarrodís e Meicende seguen a compartir o servizo de pediatría, deixando sen cubrir o servizo de maneira alterna, mentres que o novo pediatra incorporado ao Centro de Saúde de Arteixo ten que compartir sala e alternar consulta cun médico de familia como consecuencia de non haber dispoñible ningunha sala, cando podería estar pasando consulta no Centro de Saúde de Vilarrodís onde hai salas libres e mesmo algunha xa está habilitada para o servizo de pediatría. Isto, tamén axudaría a desconxestionar o Centro de Saúde de Arteixo e a mellorar o servizo de pediatría no Centro de Saúde de Vilarrodís, que actualmente só conta con un día á semana con atención de pediatría” apunta a Voceira de Alternativa dos Veciños, Noelia Martínez Canosa .
“Tamén, a día de hoxe, o PAC de Arteixo segue sen contar cun/ha pediatra que cubra este servizo en horario de urxencias, provocando isto que os nenos e nenas comprendidos en idade de 0 a 14 anos teñan que ser atendidos por un/unha médico/a de medicina xeral en vez de por un/unha médico/a especialista en pediatría ou, que na maioría dos casos, teñen que ser derivados ao Materno Infantil da Coruña, o cal supón graves prexuízos para os pacientes que son derivados e que se ven abocados a longos períodos de espera, para as familias que se teñen que desprazar utilizando medios e recursos propios e, tamén para o Hospital Materno Infantil que na maioría dos dias do ano atópase colapsado como consecuencia da precariedade e do mal funcionamento na atención primaria.”
“E é por isto, que o Grupo Municipal de Alternativa dos Veciños, presentamos unha moción ao pleno de febreiro para que sexa aprobada previo debate e así, solicitarlle á Xerencia da Área Sanitaria que estude a posibilidade de que un/unha dos/as pediatras do Centro de Saúde de Arteixo pase a consultar no Centro de Saúde de Vilarrodís, xa que así tería unha sala propia e habilitada para o servizo de pediatría e, tamén axudaría a desconxestionar o Centro de Saúde de Arteixo e a mellorar a atención no Centro de Saúde de Vilarrodís e a evitar a alternancia do servizo de pediatría nos centros de saúde de Meicende e Vilarrodís. E tamén, solicitarlle á Xerencia a incorporación dun/ha pediatra para o PAC de Arteixo”