O PP de Monforte esixe a Tomé unha solución aos problemas co abastecemento da auga en lugar de bombas de fume cos pasos a nivel

Katy Varela pregunta ao alcalde «de que nos serve que anuncie un investimento millonario para suprimir os pasos a nivel se nas parroquias non hai auga e na cidade non hai presión suficiente para que chegue a auga ás vivendas?»

“A auga é fundamental na vida cotiá de calquera persoa e iso non se tapa con bombas de fume como suprimir os pasos a nivel”. Así de contundente se amosou a voceira do PP de Monforte, Katy Varela, tras ver como hai tres días que as parroquias do municipio están sen auga e hai problemas coa presión na cidade e José Tomé anuncia que vai a suprimir os pasos a nivel no municipio.

A voceira popular di que “semella que estamos no día da marmota porque os problemas coa auga son o pan de cada día”.

Recordan dende o PP de Monforte que na madrugada do luns, toda cidade quedou sen auga e que dende o propio concello unicamente se limitaron a comunicar que se debe a unha avaría na potabilizadora e restrinxen a auga ás parroquias.

Pois ben, a realidade é que “onte seguiamos no mesmo punto, coas parroquias sen auga e con moitos barrios da cidade sen presión de auga” e, engade, a única saída que atopan no goberno local é dicir que para arranxar a avaría eléctrica están a falar coa empresa subministradora da enerxía.

“No tempo no que vivimos non se pode ter a un municipio como Monforte con pouca presión ou directamente sen auga. José Tomé ten que asumir as súas responsabilidades e non escusarse con bombas de fume como vai a investir 7M€ na supresión dos pasos a nivel. De que nos serve se non temos auga nas casas?”, sentencio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios