A Deputación da Coruña organiza o II Congreso de contratación pública os días 1 e 2 de abril

por Redacción A Coruña

Diversos especialistas na materia tratarán temas de interese relativos á contratación pública para conseguir un mellor servizo á cidadanía, para os contratistas, e para a propia administración

A Coruña, 1 de marzo de 2024.  A Deputación da Coruña organiza os días 1 e 2 de abril de 2024 o «II Congreso de contratación pública; por unha contratación máis áxil, eficaz, en igualdade e sostible», no Teatro Colón da Coruña. As xornadas estarán dirixidas polo deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamento,  Xosé Lois Penas, e coordinadas polo xefe do  servizo de Patrimonio e Contratación, Luis Jaime Rodríguez Fernández.

O obxecto deste congreso é reflexionar, debater e atopar puntos de encontro para buscar aquelas medidas e instrumentos que permitan conseguir unha maior axilidade e simplificación na xestión administrativa da contratación, poñendo especial énfase na contratación estratéxica e singularmente na xestión pública con perspectiva de xénero.

«Queremos poñer sobre a mesa a necesaria axilización en canto á contratación pública, para ser máis eficaces e eliminar as trabas burocráticas que en moitos casos dificultan estes procesos» apuntou o deputado Xosé L. Penas. «Trátase de ter unha maior empatía coa cidadanía e co sector privado», engadiu, «traballando conxuntamente e escoitando as demandas tanto do sector empresarial como do social».

Diversos especialistas na materia tratarán temas de interese relativos á contratación pública para conseguir un mellor servizo á cidadanía, para os contratistas, e para a propia administración.

A inscrición xa se pode realizar a partir de hoxe na páxina web da Deputación.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario