No Día Mundial da Natureza, hoxe falamos de eucaliptos, eólicos e Galicia

por Óscar de Souto

Somos unha comunidade verde que vendemos paisaxe, tranquilidade e natureza ao mundo enteiro. Cando calquera persoa que visitou Galicia fai memoria, lembra mar e verde, un mar bravo e fértil onde Cantábrico e Atlántico se xuntan neste fin da terra, onde chegaron pelegríns de todo o planeta ollando unha paraxe verdescente. Mais o dano causado polos montes con exceso de plantacións de eucaliptos secaron a terra e causaron unha acidez extrema e tóxica, que fixo unha desfeita ecolóxica sen precedentes nas últimas décadas. Máis de medio millón de hectáreas desta “árbore gasolina”, como a chaman, ademais de ser adecuada para incendios descontrolados, tamén bebe toda a auga de Galicia, uns 7 billóns de litros cada ano, inasumible, pois cada planta adulta pode beber entre 25 e 30 litros de auga por día.

Desde A Pedreira cara As Salseiras, o mar inmenso e na lontananza As Sisargas en Malpica de Bergantiños, un agasallo da natureza. Foto de María Rozamontes

A Xunta de Galicia declara parques eólicos de interese xeral e concede licencias, moi alegremente, para que empresas nacionais e foráneas ateiguen de eólicos toda a nosa comunidade sen beneficio para ninguén. Das 40 empresas con sede fiscal en Galicia, apenas figuran 30 empregados declarados en nómina. A esa praga de eólicos nos cumios dos nosos montes súmanse novos proxectos para a instalación de eólicos no mar, a pesar de que xa sabemos por terceiros países que os bancos de peixe fuxen das zonas con cables submarinos, cousa que xa saben tamén os nosos mariñeiros.

Sumámonos a queixa do sector pesqueiro preocupado polo dereito de pernada das empresas eólicas que tamén queren peneirar o vento do mar. Hoxe, no Día Mundial da Natureza, debemos lembrar a importancia de coidar e protexer o pouco verde que aínda nos queda pois somos unha comunidade verdescente para todos os que nos visitaron algún día e queremos seguir sendo destino turístico verde, tranquilo e fermoso.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario