O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, comprometeuse a que a Administración provincial acometerá un proxecto de humanización no primeiro tramo da DP-3404, en Outes. Formoso reuniuse recentemente co alcalde dese concello, Manuel González, e co segundo tenente de alcalde, José Antonio Caamaño, que lle presentaron unha memoria que recolle as actuacións necesarias para renovar o inicio da estrada provincial. Este primeiro tramo da vía correspóndese coa rúa da Vila, dentro do casco urbano de Outes.
A actuación afectará aos 240 metros iniciais, entre a avenida de Fisterra e a rúa do Poeta Añón. Contémplase a demolición das beirarrúas actuais e parte do pavimento, co fin de anchear a zona destinada aos peóns, que pasará a ser do dobre que a actual. Así, do metro que ocupan as beirarrúas a cada lado da rúa na actualidade, pasarase a un ancho de dous. Pavimentaranse con baldosa de formigón vibrado e contarán cun bordo de granito de 25 por 15 centímetros con canto biselado.
Os traballos servirán, ademais, para renovar os servizos de abastecemento de auga, de saneamento e de recollida de pluviais. As luminarias actuais serán substituídas por unhas novas. O firme da zona de tráfico rodado fresarase e repoñerase cunha capa de aglomerado en quente de 6 centímetros de espesor.
O proxecto incluirá a instalación de novo mobiliario urbano, entre o que se contarán 4 xardineiras, 4 bancos, 3 papeleiras e 3 estruturas para cubrir os colectores de residuos.
Os traballos contarán cun orzamento de licitación próximo aos 348.000 euros e cun prazo de execución de 6 meses.
O alcalde e o tenente de alcalde tamén aproveitaron a xuntanza para presentarlle ao presidente provincial outros proxectos que o Concello de Outes ten intención de impulsar, entre os que figura un estudo previo para a mellora da seguridade viaria na zona do porto do Freixo, consistente tamén na ampliación das beirarrúas e a renovación do firme nun tramo de 200 metros.