Rueda pon en valor o papel do deporte “na consecución da plena inclusión das persoas con discapacidade”

por Redacción Galicia

Garante o apoio do Goberno galego en fomentar a actividade deportiva inclusiva e destaca o labor “fundamental” que realizan asociacións sociais e sen ánimo de lucro

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, salientou o importante papel que xoga o deporte de cara a conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade e garantiu o apoio do Goberno galego ás actividades deportivas pola súa relevante contribución a derrubar barreiras e fomentar a integración.

Así o puxo en valor durante a súa participación na Coruña no Encontro provincial das xornadas de deporte adaptado en centros educativos galegos que organiza a Fundación Enki para escolares, no que estivo acompañado pola conselleira en funcións de Política Social e Xuventude, Fabiola García. 

Rueda gabou este tipo de xornadas entre escolares para fomentar o uso do deporte como ferramenta útil de cara á concienciación da cativada e fomentar entre a rapazada valores como a empatía, xa que a práctica de deporte adaptado dálle visibilidade ao esforzo das persoas con discapacidade que o practican, á vez que tamén serve para amosar o apoio das Administracións e fundacións como Enki para garantir que “todo o mundo teña dereito a practicalo”. “É perfectamente posible e normal”, incidiu. 

“Nomes enormes” de deportistas galegos nas competicións internacionais

Neste senso, salientou os investimentos en materiais deportivos adaptados e o pulo que tanto a Xunta como entidades sociais sen ánimo de lucro realizan para animar a persoas con calquera tipo de discapacidade a practicalo, tamén de xeito profesional. Precisamente, neste eido tamén defendeu o papel que xogan as administracións, xa que que Galicia foi a primeira comunidade en dar as mesmas bolsas aos deportistas de alto nivel, con ou sen discapacidade, a vez que fomenta o deporte inclusivo a través do programa escolar Xogade. 

Rueda considerou que este apoio por parte da Administración e de fundacións “fundamentais” como Enki reflíctese no feito de que Galicia conta con  deportistas profesionais de alto nivel con “nomes enormes” en competicións internacionais. “E agardo que nos dean moitas satisfaccións agora que chegan os xogos paraolímpicos”, apuntou. Precisamente, nos últimos Xogos de Toquio participaron 16 deportistas galegos paraolímpicos e a gran maioría (87 %) quedaron entre os oito primeiros postos na súa categoría.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario