A exposición ‘Barbie: Cine e moda’ abrirá ao público mañá no MIHL

por Redacción Lugo

A mostra está formada por máis de 180 Barbies de coleccionista, todas elas edicións limitadas e únicas no mundo

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, visitaron a nova exposición que acollerá o MIHL a partir de mañá e até o día 1 de maio. ‘Barbie: Cine e moda’ reunirá nas instalacións do museo máis de 180 edicións limitadas da boneca máis recoñecida no mundo, «nalgúns casos de 25.000 exemplares e noutros de tan só 999 en todo o planeta», destacou a concelleira.

Maite Ferreiro explicou que se trata «da primeira exposición en todo o estado dirixida ao mundo do cine e a moda; combinando cultura, historia e diversión para todos os públicos». As persoas asistentes poderán observar a evolución da boneca Barbie no tempo a través dos principais títulos da historia do cine, con todas as edicións documentadas e datadas, expostas en urnas de metacrilato e acompañadas de máis de 40 carteis de películas que completarán o espazo.

Na exposición, insistiu a concelleira, destaca a vestimenta e as roupas das bonecas. Desde a súa creación Barbie foi vestida polos grandes deseñadores e deseñadoras de moda de todos os tempos: Armani, Versace, Pertegaz, Óscar de la Renta, Christian Dior e moitas máis. «Algúns dos seus modelos podemos velos nesta exposición que conta, ademais, cun deseño realizado por Lorenzo Caprile en exclusiva para ‘Barbie: Cine e moda’, explicou Maite Ferreiro.

A vestimenta de Barbie, destacou Ferreiro, «amosa os cambios culturais e sociais dende o seu comezo, tamén no mundo do cinema, con vestimentas máis tradicionais, ata deseños contemporáneos», o que converteu á boneca en indicador visual das tendencias e valores de cada época. A concelleira de Cultura insistiu en que «a introducción de diferentes estilos, cores e patróns crea unha maior conciencia da diversidade na moda e na sociedade en xeral». Así, a evolución da vestimenta de Barbie non só persigue as tendencias da moda, senón que tamén reflicte cambios máis amplos na percepción da identidade, concluíu Ferreiro.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario