Paula Prado: “Bastante teñen no PSOE coa escandalosa trama que está descompoñendo por capítulos o seu partido”

por Redacción Galicia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou hoxe que os galegos manifestaron claramente nas urnas “a súa aposta pola responsabilidade, o sentidiño e a dignidade que lles garante un Goberno presidido por Alfonso Rueda” e comprometeu a defensa dos intereses de Galicia por parte dos representantes do partido no Parlamento e nas Cortes Xerais: “Os galegos déronnos a súa confianza e nós devolverémoslla defendendo a Galicia”

A número dous dos populares galegos fixo un balance dos 15 días transcorridos desde a celebración das eleccións e da consecución da primeira maioría absoluta do presidente Rueda. Dúas semanas nas que, logo de que “pedise a confianza dos galegos apelando á Galicia que funciona” está demostrando que “Galicia segue e seguirá funcionando”.

Recordou así mesmo que o líder do PPdeG propuxo en campaña un pacto aos galegos para “seguir ofrecendo estabilidade e illar Galicia do barullo da política nacional” e que dito pacto xa se está cumprindo: “Os galegos seguimos contando cun Goberno que, aínda en funcións, segue traballando día a día para resolver problemas e ofrecer solucións”.

“Na mesma noite electoral, o presidente Rueda fixo un chamamento aos partidos da oposición a entender que, uns no goberno e outros na oposición, a misión que os galegos nos encomendaron a todos é traballar por Galicia”, engadiu ao tempo que poñía en evidencia que nestas primeiras semanas a situación volve a ser a mesma que antes das eleccións: “Por unha banda, un Goberno do PPdeG dedicado a traballar e, por outra, unha oposición dedicada a embarrar e a xustificar o inxustificable”.

A CORRUPCIÓN ESTÁ DESCOMPOÑENDO O PSOE E O GOBERNO

Referíndose aos feitos que se están a coñecer sobre a trama de corrupción vinculada ao Goberno de Pedro Sánchez, Paula Prado ironizou con que “non é sorprendente que o PSOE sexa incapaz de traballar polos galegos” porque “bastante teñen con presenciar en vivo e en directo a escandalosa trama que está descompoñendo por capítulos o seu partido”.

Unha trama que, tal e como subliñou, a día de hoxe implica a seis ministros, dous secretarios de organización do PSOE, dous gobernos autonómicos socialistas, á presidenta do Congreso e ao propio Pedro Sánchez, “que foi avisado ata en seis ocasións do que estaba sucedendo e preferiu mirar cara outro lado”.

“A estas alturas este xa non é o Caso Koldo nin o Caso Ábalos, pois afecta a decenas de persoas do entorno do Partido Socialista e aos máis estreitos colaboradores de Sánchez”, concluíu afirmando que os galegos e os demais españois “merecemos saber cantos responsables políticos do Goberno ou persoas do círculo máis íntimo do presidente coñecían ou foron partícipes das actividades desta trama”.

O BNG SEGUE SENDO O MESMO PARTIDO RADICAL DE SEMPRE

En relación a estes feitos, a secretaria xeral do PPdeG recriminoulle ao BNG que “nin lle preocupa nin lle ocupa” porque a Ana Pontón “estáselle poñendo cada vez máis cara de Yolanda Díaz” na medida en que “as dúas foron clave para facer presidente a Pedro Sánchez e as dúas o apoian, pero ningunha delas é capaz de dicir nada sobre esta bochornosa trama de corrupción”.

Pola contra, sostén que a estratexia dos nacionalistas é a de sempre: “Enlamar e salvar ao soldado Sánchez”. E agora con aínda máis intensidade, xa que “xa non están oprimidos polo disfrace de falsa moderación que se puxeron en campaña”.

Paula Prado sostén que “o radicalismo que nunca abandonara ao BNG volveu rexurdir” grazas ás palabras publicadas en redes sociais polo biógrafo oficial de Ana Pontón e candidato pola provincia da Coruña nas pasadas eleccións: “Atreveuse a afirmar, sen o menor atisbo de pudor, que Gaza é peor que Auschwitz e que ao final resulta que os nazis non eran tan malos”.

Unhas palabras que, na súa opinión, “repugnan a calquera persoa cun mínimo de sentido común” pero non a un BNG “equidistante entre vítimas e verdugos, tibio ante a violencia, asesorado por condenados por terrorismo e dirixido por unha brúxula moral que os sitúa no lado equivocado da Historia”.

OS PEORES RESULTADOS DO SOCIALISMO EN GALICIA

A número dous dos populares galegos tamén tivo palabras para “os poucos que quedan” no PSOE galego e recordoulles que, a pesar de que “desta ía”, o resultado que acadaron o pasado 18 de febreiro foi “o peor do socialismo en Galicia na historia da nosa Autonomía”.

Criticou que Besteiro se dedicara a “bicar trens” cando, mentres, os galegos seguen agardando polos trens Avril “que ían chegar en 2020, en 2021, en 2022, en 2023 e finalmente nun primeiro trimestre de 2024 que comeza sen unha data concreta e sen ningunha certeza sobre a súa posta en funcionamento”.

E, continuando a abordaxe dos problemas da rede ferroviaria galega, puxo sobre a mesa os atrasos e continuas incidencias que sofren os usuarios e o recorte do 67% nas frecuencias que había antes da pandemia e que seguen sen repoñerse.

“Mellor nos iría a todos se os partidos da oposición asumiran que a súa misión é traballar por Galicia e non lexitimar co seu silencio cómplice os continuos agravios de Sánchez a Galicia e os seus cada vez máis indignos ataques ao noso sistema democrático”, concluíu.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario