O Celta e a soberbia do fillo único. Por David Otos

O do Celta co Deportivo é digno de consulta psicolóxica. É unha mestura de envexa, complexo de inferioridade e unha soberbia patolóxica que, como o mal viño, só serve para deixalos en evidencia. Agora vai o club vigués e queixase porque Abanca non os trata como “o primeiro club de Galicia”. O primeiro. Así, con maiúsculas e todo, como se ese título figurase en algún estatuto oficial, escrito en pedra polos celtas de verdade, os dos castros, e non polos que levan décadas xogando a ser o centro do universo desde Balaídos.

Por partes. Primeiro, o ridículo de andar mendigando recoñecemento. Se tes que berrar que es o “primeiro”, é porque ninguén o cre, nin sequera ti. En Vigo confunden historia con marketing, tradición con arrogancia. Non lles abonda con ser o eterno segundo na liga galega de rivalidades, non. Eles queren que a banca privada que rescata equipos —porque iso é Abanca— lles faga a ola, lles poña alfombra vermella e lles diga: “Oh, que grandes sodes!”. Pois sinto dicilo, pero non é así como funciona o mundo.

Segundo, a realidade, esa cousa incómoda. Porque se nos poñemos a falar de “primeiros clubs”, vai ser complicado obviar que quen ten unha liga, dúas copas, tres Supercopas e unha semifinal de Champions non son eles, senón o Deportivo. Que aquí os feitos pesan máis que os delírios de grandeza. O Celta sempre foi bo, si, pero bo á súa medida. Un equipo simpático, de media táboa, que fixo os seus escarceos pola UEFA e pouco máis. Nada que ver co que foi o Dépor nos anos dourados, un equipo temido por media Europa. E ese é o problema: a historia non se pode mercar, por moito que se poñan histéricos.

Pero o que máis graza me fai é que falen de trato de favor. Que pasa, que agora Abanca é culpable de investir no Deportivo? Non será, quizais, porque o Deportivo, coa súa cidade, a súa afección e a súa tradición, segue sendo un produto atractivo, malia estar na segunda división? Non será que A Coruña, con todos os seus problemas, segue tendo ese peso específico que Vigo, coas súas luces de Nadal e os seus discursos de grandeza, nunca tivo? Que pasa, que agora o capital privado tamén ten que pedir permiso para investir onde quere?

Que non se equivoquen os do Celta. A súa rabia non é con Abanca, é consigo mesmos. Porque por moito que pretendan ser os únicos no mapa, a sombra do Deportivo segue aí, longa e pesada, como unha herdanza imposible de ignorar. E iso dóelles. Dóelles saber que, por moito que o Deportivo caia, sempre terá ese algo que eles nunca lograron ter: un lugar indiscutible na historia do fútbol.

Así que menos queixas e máis fútbol. Se queredes ser “o primeiro club de Galicia”, deixade de berralo e demostrádeo no campo. E, sobre todo, superade dunha vez ese complexo co Deportivo, porque a grandeza non se declara, conquístase. E mentres sigades pendentes do que fai ou deixa de facer o voso rival, sempre sodes o mesmo: o fillo pequeno chorón e envexoso, que quere todo pero non se gaña nada.

Comparte éste artículo
No hay comentarios