O PSdeG de Ourense rende homenaxe ás mestras da República, precursoras en combater a desigualdade

A Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG-PSOE de Ourense organizará este sábado 9 de marzo, pola mañá, unha charla e coloquio coa docente, investigadora e escritora Rosa María Cid Galante (á que se lle concedeu o Premio Clara Campoamor no ano 2019) que versará sobre ‘As mestras da República’. Tamén se proxectará o documental que leva o mesmo nome, de Pilar Pérez Solano, de balde.

«O PSOE é un partido feminista e así o declaramos nas resolucións do 39 e 40 Congreso. Sempre da man do movemento feminista, convertemos reivindicacións en realidades a través da acción política e lexislativa», lembra Zaida Rodríguez Camba, responsable da área de Igualdade da CEM.

Nesta liña, lembrou que para o Partido Socialista a participación na vida pública e a independencia económica son claves para a emancipación das mulleres. «En decembro de 2023 había case 9,9 millóns de mulleres traballando, o que supón o 47,3% do total, case a metade, a máxima porcentaxe acadada na serie histórica», sinalou. Comparándoo con niveis prepandemia, creceu 3 puntos máis que o emprego dos homes.

Así mesmo, incidiu en que grazas, entre outras medidas, á reforma laboral de 2021 do goberno de Pedro Sánchez, na actualidade hai non só máis emprego, senón que tamén é de maior calidade. «O aumento do salario interprofesional até os 1.134 euros en 2024 tivo un impacto especialmente positivo para as mulleres, xa que, como indica UGT, do total de persoas perceptoras en 2023, 6 de cada 10 son féminas. Foi un factor decisivo á hora de diminuir a fenda salarial de xénero», argumentou Rodríguez.

A CEM quixo, por todos estes motivos, render unha homenaxe a todas aquelas precursoras que abriron camiño á hora de desenvolver unha profesión fóra do fogar familiar e que, ademais, contribuiron ao desenvolvemento da nosa sociedade ao reducir a desigualdade a través da educación. Mulleres que loitaron contra o machismo e comezaron a abrir os ollos a unha poboción fortemente patriarcal. «Non se pode esquecer o tremendo labor que levaron a cabo e grazas ao cal hoxe somos máis frotes e libres», rematou.

Asistirán tamén ao encontro, de entrada libre até completar aforo, a secretaria xeral da agrupación municipal do PSdeG en Ourense, Natalia González Benéitez, e Ainoa Rodríguez Álvarez, secretaria de Igualdade e Movementos LGBTI de Xuventudes Socialistas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios