A mellor fotografía estará premiada cunha cámara de fotos mentres que a a segunda clasificada recibirá unha tablet
O centro EUROPE DIRECT A Coruña convoca a XI edición do concurso de fotografía Cidadanía Europea en Galicia baixo o lema ‘Europa cerca de ti’. A iniciativa convida así a reflexionar sobre a presenza e o papel da Unión Europea no día a día da cidadanía de Galicia, nun ano no que se celebran eleccións ao Parlamento Europeo, así coma os aniversarios da gran ampliación da UE e da creación da rede EURES de emprego.
Van dúas décadas da ampliación da Unión Europea cara a Europa Central e Oriental, na que se incorporaron dez novos países: República Checa, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta e Polonia. Ademais, a rede europea de servizos de emprego EURES fai 30 anos axudando a atopar traballo en Europa. Por último, a cidadanía da UE ten unha cita este mes de xuño para escoller nova representación no Parlamento Europeo.
Por iso, o concurso busca que os galegos e galegas reflexionen e plasmen nunha imaxe a presenza da Unión Europea na súa actividade diaria. As políticas ou instalacións públicas financiadas pola UE, os retos medioambientais e dixitais da UE, as experiencias de traballo en Europa ou visitas a algún dos países da gran ampliación son algúns dos exemplos que se inclúen nas bases da competición.
Requisitos de participación e premios
O concurso, que se convoca un ano máis xunto ao centro EUROPE DIRECT de Lugo, está aberto á participación de persoas maiores de idade que sexan residentes en Galicia. Pódese concursar cunha ou varias imaxes e tamén se aceptan montaxes ou series conformadas por varias imaxes. Cada participación debe remitirse xunto a un formulario ao correo electrónico cidadaniaeuropeaengalicia@gmail.com
As imaxes deben ser orixinais, únicas e inéditas e incluír un elemento que represente á Unión Europea, como poden ser os seus símbolos, cores representativas, os seus valores ou logros da integración europea.
O concurso, que se pode seguir a través da páxina de Facebook Concurso Cidadanía Europea en Galicia, premiará o mellor traballo cunha cámara de fotos e ao segundo cunha tablet ou premio de valor equivalente. O prazo de presentación de traballos abre o 11 de marzo e remata o 11 de abril ás 14 horas. A entrega de premios realizarase o 9 de maio, Día de Europa.
As fotografías deberán enviarse en formato PNG, cunha resolución mínima de 300 píxeles e un tamaño máximo de 20 megas, acompañadas do formulario de inscrición que se pode atopar na web do concurso.
Para máis información, pódese contactar con EUROPE DIRECT A Coruña a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal