Os populares solicitan o amparo de María Dolores Fernández Valiño logo de que PSOE e BNG impedisen aos edis populares entrar no novo auditorio de Magoi, unha infraestructura que sigue pechada ao público e á que nos vetan o acceso
Os populares Enrique Rozas López e Silvia Colmenero, en nome do Grupo Municipal do PP de Lugo, rexistraron na Oficina da Valedora do Pobo, en Santiago de Compostela, unha queixa “polas trabas que o Goberno local pón, de forma reiterada, á hora de fiscalizar o traballo do gobernó”.
Á VALEDORA DO POBO DE GALICIA
QUEIXA RELATIVA Á DENEGACIÓN DE ACCESO DOS CONCELLEIROS DO GRUPO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR ÁS INSTALACIÓNS MUNICIPAIS. VULNERACION DO DEREITO CONSTITUCIONAL DE PARTICIPACIÓN EN ASUNTOS PÚBLICOS.
Dª. María Elena Candia López, con DNI 33.3415791-W, en calidade de concelleira, voceira do Grupo Municipal do Partido Popular do Excmo. Concello de Lugo, e con domicilio a efectos de notificacións en Praza Maior, s/n, 27001, Lugo, comparece e como mellor proceda en dereito,
EXPÓN:
Primeiro. – Con data 10 de xaneiro de 2024 comunicouse ao Excmo. Concello de Lugo a vontade do Grupo Municipal do Partido Popular de realizar unha visita ao Auditorio de Magoi. Dita comunicación realizouse mediante escrito dirixido á Alcaldía, presentado no rexistro xeral da Sede Electrónica e solicitando día e hora para realizar a mesma.
Segundo.- Ante a falta de resposta ao escrito mencionado anteriormente, o 14 de febreiro de 2024 rexístrase novamente na Sede Electrónica do Concello de Lugo un escrito dirixido á Alcaldesa-presidenta do Concello de Lugo reiterando a solicitude de día e hora para realizar unha visita ao edificio.
Terceiro.- O pasado luns, día 4 de marzo de 2024, e ante a insistente falta de resposta do goberno municipal, o Grupo Municipal do Partido Popular rexistra novamente un escrito na Sede Electrónica do Concello de Lugo comunicando a súa vontade de acudir ao Auditorio de Magoi coa finalidade de facer a indicada visita o luns, 11 de marzo, ás 10:30h.
Cuarto.- No día de hoxe, 6 de marzo de 2024, o Grupo Municipal do Partido Popular recibe un correo electrónico denegando a visita solicitada e alegando que “é a primeira solicitude da que se ten coñecemento en Alcaldía, xa que os dous escritos anteriores, aos que fai mención, non entraron no noso rexistro e unha vez consultado, confírmannos que foron derivados a outro departamento.
Para o día 11 de marzo non é posible organizar unha visita, nos próximos días poñerémonos en contacto co seu grupo para concretar nova data”.
Cinco.- Os concelleiros dos Grupos municipais do PSOE e do BNG realizaron unha visita ás instalacións do Auditorio de Magoi o día 4 de marzo, sen que se comunicase ou invitase á mesma ao Grupo que represento a pesar de estar esperando pola mesma dende o 10 de xaneiro.
Esta visita indica que non hai ningún feito, perigo ou limitación que impida o acceso ao edificio. Mais tendo en conta que se trata dun edificio pechado e que nada puido acontecer nel para que exista algún impedimento para organizar unha visita que sí se puido organizar fai dous días.
Seis.- Independentemente de que puidese haber o que a Alcaldía califica como “erro á hora de derivar os escritos rexistrados con datas 10 de xaneiro e 14 de febreiro”, estaríamos diante de erros que son imputables á Administración, non a este grupo municipal, e como reza o aforismo “nemo auditur propriam turpitudinem allegans”, (ninguén pode alegar a súa propia torpeza no seu propio beneficio), polo que tampouco sería de estimar dita alegación. A maior abundamento, transcorreu tempo suficiente para subsanar o mesmo e dirixilo ao departamento que figura no pé de páxina dos escritos e que refire claramente á Alcaldía.
A realidade é que o Concello de Lugo está a impedir de maneira reiterada a labor de fiscalización e control á oposición, coa obstrución do acceso ás instalacións municipais, demoras indebidas no acceso a expedientes ou coa negativa á entrega de copias dos mesmos.
Sete.- Sobre unha cuestión similar (o dereito de acceso ás instalacións provinciais que, mutatis mutandis, é de aplicación ao acceso ás instalacións municipais) xa tivo ocasión de pronunciarse o órgano ao que teño a honra de dirixirme, en concreto no expediente T.6.Q/9139/21, plantexado polo Grupo Provincial do Partido Popular, con motivo da denegación de acceso por parte do Goberno da Deputación de Lugo.
No citado expediente a prohibición de acceso referíase a dúas instalacións distintas, en concreto, a unha nave que acababa de ser incluída no patrimonio da Deputación e que o ente provincial alegou, para denegar o acceso, a posible falta de seguridade no acceso e, ao “Antigo Fogar de Santa María” por carecer de permiso expreso.
É dicir, aínda que o suposto plantexado na administración municipal non é idéntico ao plantexado na entidade provincial, sí se trata da mesma cuestión de fondo e, sobre todo, afecta ao mesmo dereito dos cargos públicos: o acceso a instalacións públicas coa finalidade de levar a cabo o exercicio do dereito fundamental da supervisión informativa dos mesmos. Sen dúbida dito acceso forma parte do núcleo esencial dos seus dereitos formando parte esencial do chamado ius in officium.
O goberno municipal está a actuar de xeito manifestamente inxusto con pleno coñecemento da obstaculización que levan a cabo e excusándose nos funcionarios municipais, tratando de eludir a responsabilidad das decisións das que debe ser a alcaldía quen dé as oportunas explicacións polo silencio administrativo ao que se acolle de xeito recorrente ou por “erros humanos” que envían os documentos rexistrados a dependencias que non corresponden, sen que a área destinataria detecte o erro e o remita á área correcta. Proceder que, , se fose certo, tampouco amosa un funcionamento exemplar do concello de Lugo.
Polo tanto, a limitación imposta pola Alcaldía do Concello de Lugo trátase, sen dúbida, dunha limitación non adecuada á doutrina constitucional no exercicio do dereito fundamental da labor de oposición como manifestación do dereito á participación política. Pero ademais de non axustarse a dereito tampouco se axusta ao indicado nos ditames emitidos pola institución destinataria do presente escrito.
Polo exposto,
Á VALEDORA DO POBO solicito que, por presentado este escrito e a documentación adxunta, ao amparo do previsto no artigo 14 da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, por medio deste escrito, teña por presentada QUEIXA pola actuación antes descrita e, previos os trámites que sexan de observar, se tramite a investigación relativa á violación do dereito fundamental alegado.
É xusto. En Lugo a 11 de marzo de 2024.