A Asociación de Turismo da Costa da Morte acollerá o acto de entrega das certificacións do SICTED ás entidades turísticas da contorna

por Redacción A Coruña

No acto entregaranse as distincións do Sistema de Calidade Turística en Destino (SICTED) a 35 establecementos da Costa da Morte recoñecidos pola Secretaría de Estado de Turismo

A Asociación de Turismo da Costa da Morte (CMAT), co apoio de Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, celebra o próximo xoves 21 de marzo ás 18 horas no Centro Sociocultural de Baio (Zas) o acto de entrega das certificacións do Sistema de Calidade Turística en Destino (SICTED). Neste acto, tamén se informará sobre o proceso de adhesión ao SICTED para novos establecementos durante a anualidade 2024.

O Sistema Integral de Calidade Turística en Destino na Costa da Morte

Este acto englóbase no proceso de implantación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino na Costa da Morte, promovido pola CMAT e cofinanciado pola Deputación da Coruña a través das axudas do ano 2023 a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas, da provincia da Coruña. Estas axudas tamén se solicitarán nesta anualidade para dar continuidade ao citado proceso de implantación.

O SICTED é un proxecto da Secretaría de Estado de Turismo (SETUR) que conta cunha metodoloxía propia baseada nunha visión global de destino. Esta iniciativa contribúe a implantar un sistema de xestión da calidade nos destinos turísticos.

No primeiro ciclo de implantación deste sistema na Costa da Morte, distinguíronse un total de 35 establecementos dos seguintes servizos do sector turístico: casas de turismo rural, hoteis, balnearios, apartamentos turísticos, albergues turísticos, entidades de turismo activo/lecer náutico, oficinas de información turística e museos.

Durante o evento do próximo xoves 21, estas 35 entidades recibirán o seu diploma e un distintivo de “Compromiso de Calidade Turística”, que os acredita e recoñece o seu esforzo e compromiso coa calidade e a mellora continua.

Segundo ciclo do SICTED e novas adhesións

As entidades xa distinguidas pasarán ao Ciclo 2 e abrirase un novo período de adhesión ao Ciclo 1 para novas empresas e outros servizos turísticos, tanto dos xa representados como dos seguintes de nova inclusión: restaurantes, artesáns/ás e comercios de artesanía local. O obxectivo é desenvolver o proxecto entre abril e novembro de 2024. Durante o acto de entrega de diplomas, facilitarase máis información sobre o proceso de novas adhesións para esta anualidade.

Máis información

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario