O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu no Pazo Provincial á directiva ourensá da Asociación para a Loita contra as Enfermidades Renais (Alcer). A este encontro acudiron o presidente do colectivo, Miguel Quintas, e a coordinadora, Carmen Dorado.
Na reunión, realizada con motivo do Día Mundial do Ril, Luis Menor destacou o excelente traballo que esta asociación realiza en beneficio dos pacientes diagnosticados na sala de diálise do Complexo Hospitalario, onde visitan e acompañan a aquelas persoas que o precisen. O presidente da Deputación asegurou que a institución provincial continuará apoiando a este colectivo, como vén de facer desde hai anos, para o desenvolvemento dos seus programas e actividades.
Pola súa parte, Miguel Quintas agradeceu a colaboración da Deputación coa asociación, sinalando que se estima que 1 de cada 7 persoas padece enfermidades renais, aínda que esta cifra é só unha aproximación debido a que hai persoas que non foron diagnosticadas.