Esta xornada complementarase cunha presentación e degustación de Conservas Sotavento, o sábado ás 11h.
A Deputación da Coruña presenta na feira B Industrial de Barcelona o espazo museístico da carpintería de ribeira ‘Estaleiro de Ciprián’ e o patrimonio industrial e militar do Golfo Ártabro.
O congreso de turismo internacional celébrase na cidade condal desde este venres ata o domingo, onde expositores de toda España e representacións de diferentes países de Europa mostran diferentes aspectos turísticos das súas terras.
A delegación da provincia da Coruña, encabezada polo vicepresidente da entidade e deputado de Turismo, Xosé Regueira, xunto coa deputada provincial Soledad Agra, realizará este venres ás 17 horas unha exposición na Sala Príncipe do Recinto Feiral de Montjuic sobre dous dos atractivos turísticos do territorio, como son o Espazo Museístico da Carpintería de Ribeira Estaleiro de Ciprián, no Concello de Outes, e o patrimonio industrial e militar do Golfo Ártabro.
A programación da Deputación nesta feira completarase cunha presentación e degustación, por parte da empresa outense «Conservas Sotavento», das súas conservas xa que «a industria conserveira é tamén un importante recurso turístico, con moita historia e identidade, e que é sinónimo de patrimonio, cultura e marca país» apunta Regueira.
Regueira e Agra explicarán no congreso a gran riqueza patrimonial da costa norte da provincia da Coruña, que conta con unha gran variedade de puntos de interese, como poden ser as baterías de costa de Ares, Valdoviño e Ferrol.
Por outra banda, o Estaleiro de Ciprián foi inaugurado no ano 2023 logo de ser restaurado, onde agora existe un museo para coñecer a fondo a carpintería de ribeira e a súa historia. O estaleiro data a súa actividade do primeiro terzo do século XX.