Dous proxectos da UDC galardoados pola Real Academia de Ciencias nos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2023

por Redacción A Coruña

A Real Academia Galega de Ciencias concede o primeiro premio ao Grupo de Química Analítica Aplicada da UDC, que están a desenvolver métodos novidosos para determinar a presenza de microplásticos no medio. Distingue tamén a un equipo da UDC, premiado por un sistema de Intelixencia Artificial para optimizar a análise de imaxes médicas e un proxecto da USC que logrou importantes avances no estudo dunha proteína implicada na regulación da glicosa, de gran repercusión para o tratamento da diabetes

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) acaba de fallar os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2023, destinados a promover e recoñecer a investigación de maior nivel desenvolta na nosa comunidade nas áreas de coñecemento das matemáticas, física e ciencias da computación; química e xeoloxía; bioloxía e ciencias da saúde; ciencias técnicas; e ciencias económicas e sociais; todas elas integradas na RAGC. Nesta 33ª edición presentáronse un total de 44 candidaturas a un premio dotado con 6.000 euros e ademais concedéronse dous accésits.

O primeiro premio recaeu nun proxecto do equipo liderado por Soledad Muniategui, do Grupo de Química Analítica Aplicada do Instituto Universitario de Medio Ambiente da Universidade da Coruña. “Este traballo é o resultado dunha liña mantida ao longo de máis de 10 anos, en colaboración con destacados grupos europeos, e que trata de resolver problemas científicos que permitan ás autoridades abordar e mitigar un problema ambiental global como é o dos microplásticos. Curiosamente, algo cuxa presencia é bastante obvia, xera enormes dificultades á hora da súa identificación e caracterización científico-técnica, o cal pon en serios apuros moitos esforzos lexislativos, sociais e empresariais” – indican os investigadores -.

Cada ano chegan ao mar 12 millóns de toneladas de plástico, onde se degradan, alcanzando incontables fragmentos de tamaños micro e nanométricos. “Os esforzos lexislativos serán inútiles se por cuestións técnicas, como a falta de metodoloxía analítica validada ou non harmonizada, non se poden establecer plans de monitorización ambiental nacionais e supranacionais. Isto afecta tanto á identificación dos microplásticos como dos seus potenciais impactos no medio e na saúde humana” -salientan-.

Esta liña de investigación aborda o desenvolvemento de métodos analíticos validados e contrastados para a determinación de microplásticos no medio. O equipo xa participou nunha convocatoria da UE para estandarizar as metodoloxías analíticas. Tras varios estudos previos concluíron que os procesos de envellecemento naturais dos plásticos apenas se tiñan considerado, polo que propuxeron por primeira vez un sistema sinxelo e de baixo custo para emular o proceso de degradación por acción da radiación UV e pola erosión no mar. Por outro lado, estudaron o envellecemento dos polímeros comerciais máis relevantes, como a poliamida (común en téxtiles), PVC, PET, PP… (de uso frecuente en alimentación e bebida).

Na actualidade son o único grupo español que traballa con centros metrolóxicos europeos nun proxecto financiado pola UE para desenvolver patróns certificados de microplásticos que permitan validar métodos analíticos. Tras xerar a capacidade de identificar e caracterizar microplásticos, están a abordar investigacións centradas en como determinalos na cadea trófica. Nesta liña, desenvolveron novos métodos para determinalos en fitoplancto e zooplancto, algas de consumo humano e peixe (en particular en xarda e salmón). Tamén avanzan para detectar a súa presenza nun campo novo e relevante como é o aire.

“É unha honra recibir esta distinción, que para nós ten unha especial relevancia como recoñecemento á investigación realizada en Galicia. Sen dúbida, supón un impulso para seguir adiante co noso traballo, contribuíndo ao avance do coñecemento e a innovación no ámbito da protección do medio ambiente” -manifesta o grupo premiado-.

Entrega de dous áccesits

A RAGC concedeu ademais dous accésits, un para o equipo coordinado por María Jesús González, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago, polo seu traballo no control do metabolismo da glicosa, e o outro para o equipo dirixido por Marcos Ortega, do Grupo de Investigación en Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, polo desenvolvemento de novos paradigmas de aprendizaxe automática para facilitar a aplicación da intelixencia artificial na análise das imaxes médicas e logrando obter modelos de IA máis eficientes, robustos e que non requiren grandes cantidades de datos etiquetados.

Segundo manifestan os investigadores do VARPA, “A análise automática de imaxe baseada en IA presenta un gran potencial para facilitar o labor do persoal clínico, producindo diagnósticos máis precisos e posibilitando a realización de programas de cribado poboacional eficientes a grande escala, mellorando o diagnóstico temperán e a prevención de doenzas graves. Non obstante, a pesar do potencial da IA no eido médico, afirman que a implantación destas tecnoloxías vese limitada pola dificultade de producir modelos suficientemente precisos e robustos coa cantidade de datos de adestramento tipicamente dispoñibles. “A práctica clínica diaria xera unha ampla cantidade de imaxes e o adestramento supervisado require que sexan etiquetadas, un proceso tedioso e laborioso, o que provoca un escenario de escaseza de datos etiquetados” – apuntan -.

O equipo logrou, cunha cantidade reducida de datos, mellorar o desempeño dos modelos de IA en numerosas tarefas de alto interese clínico. Os seus avances xa foron explotados e corroborados por expertos de diferentes servizos clínicos nacionais e internacionais, permitindo obter sistemas máis eficientes e eficaces no estudo de diversas patoloxías como a retinopatía diabética, o glaucoma ou a dexeneración macular asociada á idade. Estes sistemas, ademais, foron explotados especificamente na modalidade de imaxe oftalmolóxica máis barata e extendida, a retinografía.

“Este recoñecemento supón unha gran satisfacción por ter sido concedido por unha institución tan prestixiosa como a RAGC, que aglutina as diferentes ramas de coñecemento científico, o que lle dá un valor especial a este galardón polo que ten de competitivo tanto en número de propostas como na súa variedade desde diversos ámbitos da ciencia” -declaran-.

O acto de entrega destes premios terá lugar o vindeiro mércores, día 20 de marzo, no Pazo de San Roque, en Santiago.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario