A promoción turística de Galicia céntrase esta fin de semana no mercado nacional

por Redacción Galicia

Galicia ten presenza na Feira internacional de turismo, profesional e aberta ao público, B-Travel, que se celebra desde hoxe e ata o domingo en Barcelona. Trátase do certame turístico de referencia de Cataluña e unha cita habitual na programación de promoción de Turismo de Galicia.

Nesta edición, Turismo de Galicia participa cun expositor de deseño de 100m2, centrado na auga en Galicia, seguindo o esquema presentado a pasada edición de Fitur. Galicia promove así os recursos asociados ao mar, ríos, termalismo, manaciais, fervenzas… ademais da oferta xeral e o Camiño de Santiago.

Galicia preséntase como un destino de calidade e sostible, con oferta durante todo o ano nun mercado, o catalán, que é o cuarto mercado nacional con máis peso na demanda turística galega, por detrás de Madrid, Andalucía e Castela e León.

A participación de Turismo de Galicia na feira B-Travel enmárcase na actividade que anualmente leva a cabo para promover o destino en distintas feiras, que este ano ascenden ao redor de 30 de ámbito nacional e internacional.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario