A Xunta urxe ao Ministerio de Sanidade a acelerar as reformas precisas para abordar o déficit de médicos de familia que sofre España

por Redacción Galicia
Web con todos los cuadros medicos de los seguros de España actualizados, además de un blog especializado en salud

Comesaña lamenta que “os únicos partidos que negan a urxencia destas medidas” sexan precisamente os que ocupan hoxe o Goberno de España

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, urxiu hoxe de novo ao Goberno de España a “non perder un minuto máis e acelerar dunha vez as reformas precisas dentro das súas competencias” para abordar o problema de déficit de especialistas en medicina de familia que está a sufrir o Sistema Nacional de Saúde.

Comesaña referiuse á aprobación onte mesmo, na Comisión de Sanidade do Congreso dos Deputados, dunha iniciativa que reproducía de xeito literal os puntos do “Manifesto de conselleiros de Sanidade para a toma de medidas estatais urxentes en materia de atención primaria” que fora promovido en 2022 polos gobernos galego e vasco, e ao que se foron adherindo progresivamente outros gobernos autonómicos de distinto signo político ata chegar a obter o apoio de 14 dos 17.

“O Congreso dos Deputados deu onte un mandato claro ao Goberno de España, que é o mesmo que lle demos os gobernos autonómicos no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde: que esas reformas non poden agardar máis”, -aseverou o conselleiro-, que lembrou que a meirande parte destas demandas están pendentes desde abril do ano 2018, cando foran acordadas de xeito unánime no Consello Interterritorial por Ministerio e gobernos autonómicos.

O responsable do departamento sanitario da Xunta salientou que os únicos votos contrarios aos puntos onte aprobados foran dos grupos parlamentarios de PSOE e Sumar: “é lamentable que os únicos partidos que negan a urxencia destas medidas sexan precisamente os que teñen na súa man executalas desde o Goberno de España, mentres que os que temos responsabilidades de xestión sanitaria nas comunidades autónomas, sexamos do partido que sexamos, clamamos por que se nos permita formar a máis especialistas para poder contratalos nos nosos centros de atención primaria”.

O conselleiro remarcou as dificultades que están a ter o conxunto de comunidades autónomas para cubrir as baixas e as ausencias dos profesionais na atención primaria, ao estar baleiras as listas de contratación.

Nomeadamente, a iniciativa aprobada onte, ao igual que o manifesto promovido por Galicia, fai fincapé en que é preciso realizar un incremento extraordinario de 1.000 prazas anuais na oferta formativa da especialidade de medicina familiar e comunitaria, ademais de modificar o sistema de elección de prazas MIR, de xeito que non queden  prazas sen cubrir.

Para facelo, proponse unha flexibilización dos criterios fixados para a acreditación das unidades formativas. A rixidez dos requisitos actuais provoca que dos máis de 460 centros de saúde cos que conta Galicia, soamente 100 teñan a posibilidade de formar novos especialistas.

Entre o conxunto de solicitudes da Xunta de Galicia ao Goberno central agora respaldadas polo Congreso, tamén se atopa a de acelerar os prazos para a entrada en vigor da nova especialidade de Urxencias e Emerxencias, que evitaría que entre o 25 e o 30% dos facultativos que ocupan prazas formativas de Medicina Familiar e Comunitaria rematen traballando en urxencias, posto que non teñen opción de formación propia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario